Curso para aprender a colorear con Photoshop na Universidade de Vigo
xoves, 10 de febreiro do 2011A arte sempre botou man das técnicas máis
innovadoras que se ían creando e desenvolvendo ao seu redor e para dar a
coñecer a súa cara máis actual e modernista. Agora, como non podía ser doutra
maneira, as novas tecnoloxías forman ou conforman a parte desa técnica
innovadora da que falamos e como tal, inflúen de maneira considerable no novo
arte.
Isto vén a conto porque o Photoshop, esa
ferramenta de deseño gráfico da que todos botamos man algunha vez nas nosas
vidas (mesmo sen saber moi ben o seu funcionamento básico) ten cada vez unha
maior demanda por parte da sociedade non especializada, debido, sobre todo, á
proliferación das cámaras dixitais que obrigan á xente de a pé a usar programas
de edición e tratamento de imaxes. E tamén aos artistas, que demandan este tipo
de ferramentas para as súas novas creacións e obras.
A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, en
Pontevedra, para atender esta nova demanda que se está a dar entre o alumnado
da Universidade de Vigo, vai dar acollida ao curso Coloreado Dixital da
Ilustración, que ten como obxectivo ofrecer nocións e técnicas sobre esta
actividade, botando man do programa de Adobe Photoshop, dándolle
un enfoque que vai máis alá do retoque fotográfico convencional.
Trátase, segundo palabras do coordinador
do curso, Alberto García, “dun seminario
moi especializado pero ao mesmo tempo de introdución polo que calquera persoa
pode matricularse”.
O curso está pensado para que as persoas
asistentes acaden un dominio básico da ferramenta e aprendan a usala para
colorear imaxes dixitais ou mesmo para crear as súas propias ilustracións.
A profesora encargada de impartir o curso,
Patricia Castelao, comezará centrándose nos parámetros básicos do Photoshop
para levar a cabo o coloreado dixital e realizará unha aproximación ao hardware
adicional que pode perfeccionar esta técnica, como é o caso das tarxetas
gráficas.
O curso está aberto a toda a comunidade
universitaria e ao público en xeral, sen que este precise ter uns coñecementos
previos da ferramenta.
Patricia Castelao é unha ilustradora
recoñecida a nivel galego polo seu traballo en Dygrafilms na película O
soño dunha Noite de San Xoan ou en Filmax Animation, formando parte do
equipo de arte de DonkeyXote; así como pola ilustración de moitos
libros publicados con Xerais ou pola súa colaboración en campañas levadas a
cabo pola Xunta de Galicia.
As persoas interesadas en inscribirse
poderán facelo a través da plataforma Bubela entre o luns 14 e o mércores 16 de
febreiro. O curso ten un prezo de 10 euros en concepto de taxas de matrícula, e
celebrarase os días 22 e 24 de febreiro e 1 e 3 de marzo, en horario de 16:00 a
19:00 horas.