Cursos de balde en Brión para crear blogs e presentar a renda por Internet

xoves, 17 de abril do 2008 Raquel Noya

Unha vez máis, e xa van unhas cantas no que vai de ano (tantas que perdín a conta), o Concello de Brión vai levar a cabo un par de iniciativas coas que integrar ós seus veciños na Sociedade da Información, amosándolles a utilidade de varias ferramentas que, a través da Rede, lles farán a vida moito máis doada, ou, cando menos, máis acorde cos novos tempos. Desta volta, vén de organizar un curso de informática para que os alumnos aprendan a cumprimentar e presentar a declaración da renda por Internet sen ter que acudir a ningunha xestoría nin pagarlle a terceiras persoas para que o fagan por eles.
O curso, que se imparte de balde, vai destinado ás persoas con coñecementos no manexo de Windows e Internet Explorer (aplicacións coas que os veciños tamén están familiarizados grazas á asistencia a outros cursos ofertados anteriormente polo Concello) e desenvolverase os vindeiros días 12 e 14 de maio de 20:00 a 22:00 horas.
Ao longo de catro horas, os alumnos matriculados aprenderán a facer as súas respectivas declaracións da renda a través da Rede así como a presentalas oficialmente. Para asistir é preciso anotarse na Casa da Cultura, chamando ao teléfono 981 509 908 ou ben directamente a través de Briondixital.org antes do vindeiro 30 de abril.
Asemade, o devandito Concello vén de abrir o prazo de anotación nun curso de informática para os veciños no que os alumnos aprenderán a facer o seu propio blog. Trátase dun curso de balde de 8 horas de duración para o que se precisa ter coñecementos no manexo de Windows. O curso terá lugar os luns e os mércores comprendidos entre o 19 e o 28 de maio, en horario de 20:00 a 22:00 horas e, ao igual que o anterior, a matrícula deberá formalizarse antes do vindeiro 30 de abril polos mesmos medios dispostos pola organización. A admisión realizarase por orde de inscrición.

PUBLICIDADE