Curtis únese á Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Cámara da Coruña

luns, 10 de xuño do 2024 S. P.

O Concello de Curtis vén de asinar un convenio de colaboración coa Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área, como mostra do seu apoio á o organismo que impulsa a Cámara da Coruña e, tamén, como mostra dun compromiso conxunto desenvolvemento de parques industriais e proxectos estratéxicos.
Para a Cámara, o Polígono de Curtis é “un exemplo de dinamismo e diversificación”, cunha estratexia “moi ligada aos obxectivos específicos da Oficina de Promoción Tecnolóxico – Industrial”, que, como lembraremos, busca captar e atraer investimento tecnolóxico e industrial, principalmente no contexto da Industria 4.0., a través dunhas actuacións aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local.
Para o presidente da Cámara da Coruña e da Fundación para a Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña, Antonio Couceiro, “contar co apoio do Concello de Curtis achegará á OPTI é estratéxico para continuar promovendo a implantación de novos proxectos industriais na área, algúns dos cales atópanse xa en vías de negociación e poderían ver a luz nos próximos meses”.
O alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos, destacou “a importancia para Curtis de seguir impulsando as súas dúas grandes áreas empresariais, o Polígono e o Parque Empresarial de Teixeiro. Trátase, por tanto, dunha ferramenta fundamental para seguir atraendo iniciativas empresariais e xerando emprego. Colaboramos coa Cámara, desde sempre, para afianzar o noso tecido empresarial e industrial”.
Atracción de investimento
A Oficina ten como principal obxectivo captar e atraer investimento tecnolóxico e industrial, principalmente no contexto da Industria 4.0. Así mesmo, as actuacións que se levan a cabo están aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local.
Desde que iniciou a actividade, a OPTI acadou acordos cos principais axentes de xestión de solo industrial, como poden ser XESTUR ou SEA (Solo Empresarial do Atlántico); ademais de alianzas con entidades como a Deputación da Coruña, a UDC para establecer sinerxías coa Cidade das TIC, coa Autoridade Portuaria da Coruña ou co concello de Carballo. Nos próximos meses está previsto que se subscriban convenios de colaboración con outras entidades, públicas e privadas da área.