Curtocircuíto abre o prazo para a inscrición de traballos na súa vixésimo terceira edición
xoves, 23 de abril do 2026

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, certame de novos contidos en formato pequeno do Concello de Santiago, abriu o prazo de inscrición de curtametraxes para a súa 23ª edición, que se celebrará na capital de Galicia do 30 de xuño ao 5 de xullo de 2026. A convocatoria, aberta ata o 1 de xuño, convida a cineastas, produtoras e creadoras de todo o mundo a presentar as súas propostas nas distintas seccións competitivas do certame.
As obras poderán enviarse de balde a través da plataforma en liña Shortfilmdepot, cumprindo cos requisitos técnicos e formais establecidos nas bases, entre eles un máximo de 60 minutos de duración, que fosen estreadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2026 e que non participasen noutras edicións do certame.
Cada persoa ou entidade poderá presentar tantas curtametraxes como desexe, sempre que cada unha delas se rexistre de maneira independente.
A listaxe de curtametraxes seleccionadas (tanto en competición como en seccións paralelas) farase pública nas semanas previas á celebración do festival.
Segundo confirmou o Concello, “Curtocircuíto mantén a súa aposta pola diversidade estética e narrativa, admitindo traballos sen limitación de xénero, temática ou lingua”. As obras seleccionadas competirán nas seccións Cosmos, Planeta GZ e Supernova. A sección oficial Cosmos reúne propostas internacionais que exploran novos camiños do cinema contemporáneo; Planeta GZ está dedicada ás producións galegas; e Supernova céntrase en primeiras obras e novos talentos, favorecendo o acceso ao circuíto profesional.
A organización será a encargada de asignar a sección final de cada filme, con independencia da súa inscrición inicial, e cada obra poderá optar unicamente aos premios correspondentes á categoría na que participe, ademais do Premio do Público e do Premio do Xurado Novo.
O festival contará cun amplo palmarés que recoñece tanto a excelencia artística como a innovación. Entre os galardóns destacan o Premio Cosmos á Mellor Filme (3.000 euros), o Premio á Filme Innovador (1.000 euros), o Premio GZ á Mellor Filme Galego (2.000 euros), o Premio Supernova (1.000 euros), así como o Premio do Público, o Premio do Xurado Novo e o Premio Especial Curtocircuíto Atlas, que distingue traxectorias relevantes no ámbito audiovisual
A decisión dos xurados, compostos por profesionais do sector audiovisual e cultural, non se poderá apelar, e os premios daranse a coñecer na gala de clausura do festival.
O Concello de Santiago engadiu que “coa apertura desta convocatoria Curtocircuíto reafirma o seu compromiso coa creación cinematográfica máis innovadora e co impulso de novas voces, consolidándose como un dos festivais de referencia no panorama internacional do cinema curto”.
