Curtocircuíto reinvéntase en Santiago para explorar os océanos e as novas linguaxes audiovisuais

luns, 2 de setembro do 2024 S. P.

A nova edición do festival compostelán Curtocircuíto, a 21, celébrase entre o 1 e o 6 de outubro e inclúe a proxección de máis de corenta obras procedentes de 16 países e preto dun 66% de filmes asinados por cineastas mulleres. Presentarán as súas novas obras cineastas como Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger. Este ano farase especial fincapé na exploración de novas linguaxes e formatos.
Na sección oficial Cosmos competirán 25 traballos entre os que se atopan as últimas creacións de Elena López Riera, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger. A programadora Caroline Maleville, os comisarios Gilherme Blanc e Peter Taylor, a xornalista Jara Yáñez e a escritora Valeria Mata conforman o xurado desta edición. Segundo informou a organización, as propostas máis atrevidas e os primeiros traballos de cineastas de Galicia daranse cita nas seccións Planeta GZ e Supernova. Os abismos mariños protagonizan a imaxe e as temáticas desta nova edición que trae á superficie o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais.
Curtocircuíto vén da man do Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), co apoio da Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), entre outras entidades.
A nivel de formato trátase dun certame “permeábel que desborda a sala de cine con AV, conferencias, performances ou mesas redondas”, e que este pon o foco tematicamente nas profundidades oceánicas. Esta vertente impregna o cartel de Curtocircuíto 2024, obra de Iñaki López, que se compón de catro imaxes de abismos mariños que “reflicten o espírito inquedo e inmersivo dun evento sempre atento a descubrir e mostrar o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais”, informou o Concello de Santiago, que engade que no capítulo de novidades esta idea central non se cinguirá á campaña visual, senón que “atravesará gran parte da programación”. Así, “diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio”, e “perspectivas que van dende a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía, levarán o público dende o litoral á alta mar, e mergullarano na zona abisal até chegar á zona hadal”.
Nesta nova edición, a maior parte das actividades de Curtocircuíto desenvolveranse en dúas salas da capital galega (o Teatro Principal e a Sala Capitol) ás que se suman o Auditorio Abanca e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Na súa segunda edición, a Sección Oficial de Curtocircuíto volve recoller a vontade de romper as barreiras entre os xéneros cinematográficos e a procedencia das películas para poñelas a dialogar sen limitacións. Cosmos é unha aposta porque o cine narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros retos da nosa sociedade teñan un espazo para a súa visibilización e a súa reflexión. Nesta ocasión, a sección propón unha heterodoxa selección de filmes que abrangue dende cinema narrativo até pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos. Confórmana 25 filmes de 16 países como Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán, Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra ou España.
O risco e a innovación marcan as obras que se poderán ver en Curtocircuíto, onde atopamos propostas de ficción (Radikals, Across the Waters, Circle, Hymn of the Plague/Gimn Chume, Lemon Tree, Mother is a Natural Sinner, La Fille qui explose), documental (Las novias del sur, Krutxalteatik Uronarat, Frialdad, Exit Through the Cuckoo’s Nest) e, especialmente, ensaio (Bliss Point, For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World, The Sunset Special 2, The Vertigo of the Ways of Seeing, Terminal Island, Crushed, Into the Magnetic Fields, Moon v. State, City of Poets, Arbor Labor, Ulía, It Will Be Better Before, Few Can See, The Electric Kiss). A relación completa podemos vela na web municipal do Concello compostelán.
A heteroxeneidade da escena galega, en Planeta GZ
A sección Planeta GZ celebra o cine galego proxectando películas dirixidas polas e polos cineastas do país. Na edición de 2024 preséntanse nove películas, a maioría dirixidas por mulleres, que exploran diversas facetas da paisaxe rural a través do xénero documental.
En palabras da organización do festival, esta escolma “convida a percorrer un camiño que se esvaece baixo un ceo crepuscular, todo envolto nunha beleza e nunha case inevitable nostalxia. Cada película ofrece unha visión íntima dun ser humano que, ás veces, atopa o seu reflexo no territorio, como en Humedalia e Queimar cando morra; outras veces transítao na procura dun cambio de morada, como en Corre o Vento, Pechar caixas abrir caixas e Patios de luz; e que outras abre portas cara verdadeiros refuxios da alma, como no caso de Exposed). A medida que se avanza entre enredos, na escuridade, como en A Blurred Photograph is a Space for a Memory Proposal, é a memoria a que se converte nun faro e nos guía por ese camiño escuro cara algunha aldea afastada.
Cine emerxente galego en Supernova
A sección Supernova vén con sete pezas con estilos e formatos propios (documental, ficción e experimental). Todas teñen en común a procura da propia identidade, como El cuerpo que existe más que yo, Muiño D’abaixo e Pura. Ou tamén A mirada delas, .JPEG, May You Live To See The Dawn. A sección complétase con Desencanto: ás veces síntome o puto amo, pero hoxe só me sinto un puto :(.
Premios e xurado
O xurado da Sección Oficial Cosmos estará composto por cinco persoas con diversos perfís: o comisario e docente Guilherme Blanc, director do Centro Batalha de Porto; o curador e programador Peter Taylor, director do Berwick Film Festival; a antropóloga social, investigadora e escritora Valeria Mata; a periodista Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine; e Caroline Maleville, programadora da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes.
As películas programadas compiten polos seguintes galardóns: o Premio Cosmos á mellor película, dotado con 4.000 €: o Premio Cosmos á mellor película innovadora, cunha dotación de 2.000 €; o Premio Cosmos á mellor película española, que outorga á proposta á gañadora 1.000 € de dotación, outros 1.000 € en aluguer de material de rodaxe patrocinado por RC Service e a cualificación dos Premios Goya da Academia das Artes e das Ciencias Audiovisuais de España; o Premio Galiza, dotado con 2.000 € e o Premio Supernova, sen dotación e patrocinado por Galicia Calidade. Ademais, outorgaranse varios premios concedidos por xurados especiais: como o Premio do Público e o Premio Cátedra Cruz Vermella da USC, dotados cada un deles con 1.500 € , o Premio do Xurado Novo, cunha dotación de 1.000 € e o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Galicia Film Commission, Turismo de Santiago e galardoado cun curso de formación para as persoas integrantes do equipo de traballo na Escola Unitaria.
Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.