Cyberpunk 2077 por fin aproveita a potencia das consolas de nova xeración

martes, 15 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

O lanzamento de Cyberpunk 2077 foi un dos máis decepcionantes da historia dos videoxogos, ao estar o xogo claramente sen rematar, con multitude de fallos que facían incluso imposible rematar as partidas e cun rendemento en consolas da anterior xeración tan malo que incluso provocou que Sony expulsase o xogo da PlayStation Store até o pasado mes de xuño.
Agora, máis dun ano despois do lanzamento oficial, o xogo reciben unha importante actualización nas versións de consola, que supón que por fin aproveitan o hardware de Xbox Series X|S e PlayStation 5, o que fai que o xogo en consolas estea á altura da versión para PC, con ray tracing para as sombras locais, melloras visuais, reaccións das multitudes melloradas e soporte para auriculares con son espacial.
Os usuarios de consolas de nova xeración poden elixir agora entre gozar dun modo de xogo no que se dea prioridade ao rendemento ou a un modo con ray tracing no que os gráficos melloran substancialmente en realismo e calidade.
Aparte dun rendemento moi superior en novas consolas, a última actualización inclúe moitos cambios, de xeito que parece bastante atinado dicir que o parche 1.5 de Cyberpunk 2077 é o máis parecido que temos ao que tería que ser o xogo no seu lanzamento, e para demostralo, até o 15 de marzo estará dispoñible unha versión de proba do xogo para consolas Xbox Series X|S e PlayStation 5, que permite xogar durante 5 horas sen ter que pasar por caixa, para que os xogadores poidan comprobar en primeira persoa que o produto xa está pulido. De feito, para facer máis doada a decisión de compra o título está actualmente de oferta a 24,99 euros para PS4/PS5 e a 34,99 euros para Xbox One/Xbox Series X|S.
Nas vindeiras semanas verase se realmente o xogo paga a pena e CD Projekt Red consegue consolidar a franquía Cyberpunk para poder lanzar novas entregas no futuro, aínda que é máis probable que volvan antes a franquía de The Witcher da que tanto proveito tiraron no pasado (de feito, está previsto que en poucos meses estreen versión de The Witcher III para consolas de nova xeración).

PUBLICIDADE