Cyberpunk 2077 supera os 40 millóns de copias

venres, 3 de xullo do 2026 Marcus Fernández

Tras un grande éxito coa saga de The Witcher o estudio polaco CD Projekt Red quixo mudar da fantasía á ciencia ficción e da terceira á primeira persoa con Cyberpunk 2077, un xogo que tivo un dos peores lanzamentos que podemos lembrar, ao entregarse ao usuarios un título claramente sen rematar, de xeito que incluso foi retirado da PlayStation Store ao considerarse que non estabamos ante un xogo plenamente funcional e abríronse procedementos para poder solicitar a devolución dos cartos en distintas plataformas.
Pero dado que as compras iniciais eran anteriores a que ninguén puidese probar realmente o xogo, o título conseguira vender máis de 8 millóns de copias e, na practica, a meirande parte dos compradores non quixeron devolvelo, senón dar tempo a CD Projekt Red a pulir o xogo.
Medio ano despois do lanzamento, Cyberpunk 2077 volveu á PlayStation Store, como un xogo xa corrixido, aínda que indicando claramente que para unha boa experiencia precisaba dunha PS4 Pro ou dunha PS5. Xa neste estado mellorado o xogo recibiu unha grande expansión chamada Phantom Liberty e o seu universo incluso estreou unha serie en Netflix (e está a piques de estrear unha segunda tempada).
Temos así toda unha historia de superación, na que un estudio conseguiu remontar o seu peor momento, e converter un lanzamento catastrófico nun éxito que agora celebra, pois veñen de anunciar que superaron os 40 millóns de copias vendidas. Un claro exemplo da importancia que ten o traballo realizado despois do lanzamento dos xogos, corrixindo erros e engadindo contidos para manter unha grande base de xogadores e conseguir deixar un bo sabor de boca para poder repetir o éxito en futuras secuelas.