D-Link presenta novas cámaras con Wi-Fi

xoves, 30 de xuño do 2016 Marcus Fernández

D-Link vén de anunciar as súas novas cámaras de alta definición con Wi-Fi que facilitan a monitorización en vídeo do noso fogar a un prezo asumible, contando cunha visión de grande angular, tecnoloxía de detección de son e movemento, gravación local e vídeo en alta definición (720p).
A cámara con Wi-Fi de entrada de D-Link sería a DCS-936L, que pode conectarse á nosa rede Wi-Fi doméstica de xeito doado (conta con WPS) permitindo así a visualización remota do fogar a través da aplicación móbil dispoñible de balde para iOS, Android e Windows Phone, e que tamén incorpora detección de son e movemento, LED de infravermellos para visión nocturna e a posibilidade de gravar vídeo directamente en tarxetas microSD de até 128 GB de capacidade, que como principal atractivo ten que sae á venda nos EE.UU. a só 79,99 dólares (espérase que en breve chegue tamén a España).

Vídeo promocinal da cámara D-Link DCS-936L

Para usuarios máis esixentes teriamos a cámara DCS-5030L, que elevaría o seu prezo até os 139,99 dólares, o que permitiría basicamente incorporar á cámara un motor que permite que a cámara poida moverse até 340 graos en horizontal e 110 graos en vertical, mellorando así a monitorización de estancias amplas.

Vídeo promocional da cámara DCS-5030L

Pensando nos fogares conectados

A cámara que xa figura no catálogo para o mercado español é a DCS-8200LH, que nos EE.UU. ten un prezo de 139,99 dólares, e sería unha proposta diferente, xa que non se limitaría a ofrecer un sinal de vídeo en alta definición (720p) por streaming e con gravación local, cun grande angular de 180 graos, senón que tamén relacionaríase cos sistemas de domótica de D-Link, sendo tamén compatible co IFTTT (o que permite a integración con moitas outras aplicacións e dispositivos).
Como exemplo do aproveitamento de IFTTT coa cámara teriamos a posibilidade de que a cámara inicie e gravación de vídeo cando saiamos do fogar ou que tome unha fotografía se alguén chama ao timbre. Amais tamén conta con conectividade Wi-Fi AC, permitindo un maior largo de banda sen fíos e unha mellor cobertura.

Vídeo promocional da cámara DCS-8200LH

PUBLICIDADE