DATAlife atraeu máis de 22 millóns de investimento en dixitalización para Galicia
xoves, 30 de novembro do 2023
As
entidades impulsoras do Hub
de Innovación Dixital DATAlife fixeron balance do seus logros
nestes catro anos de actividade do proxecto, posto en marcha a finas
de 2019. Segundo fixeron saber, o Hub atraeu a Galicia máis de 22
millóns de euros en investimento coa mobilización dun total de 27
proxectos. Ao redor de 10 deses 22 millóns proceden exclusivamente
de fondos europeos, como Dixital Europe ou o programa Horizonte.
Outros sete millóns chegan a través de fontes privadas.
DATAlife,
grazas a este investimento, mobilizou máis de 27 proxectos de
transformación dixital, organizado 70 eventos sobre tecnoloxías
dixitais disruptivas e dado relatorios noutros 100 eventos nos que
presentou o Hub e as capacidades de Galicia como eixo innovador en
Europa. As iniciativas de DATAlife chegaron a máis de 5.000
entidades.
Orixes
O
Hub de Innovación Dixital DATAlife naceu en 2019 impulsado polos
seus membros fundadores, que achegaron 110.000 euros de capital
inicial. Actualmente conta con asociados de diversos sectores que
achegan a DATAlife o soporte para alcanzar os seus obxectivos.
Destaca o traballo que realiza a súa xunta directiva con Pablo
Álvarez Freire (Zendal) na presidencia; Sebastián Pantoja (Televés)
na vicepresidencia; Carme Pampín (Bioga) en tesourería; Luis Pérez
Freire (Gradiant) na secretaría e como vogal Roberto C. Alonso
(ANFACO-CECOPESCA); Rocío Mosquera (Agrupación industrial Saúde de
Galicia) e Gumersindo Feijoo (Universidade de Santiago de
Compostela).
DATAlife
tamén obtivo o apoio da Consellería de Economía, Industria e
Innovación tras unha convocatoria competitiva en 2019 para a
selección de DIHs estratéxicos para Galicia. DATAlife, a través
desta iniciativa, foi designada entidade colaboradora pola Xunta en
convocatorias como ConectaHubs e ConectaCOVID, Axudas á
dixitalización industria 4.0, Obradoiros á dixitalización
Industria 4.0, Centros de Fabricación Avanzada ou Dixitais. Ademais,
apoiou a construción en Santiago de Sionlla Biotech e o seu Centro
de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB) que
actuará como catalizador para a creación de start-ups e a atracción
de empresas tractoras intensivas en I D i.
En
2022 pechou con éxito o proxecto Hub Iberia Agrotech (HIBA) que
atraeu a Galicia case medio millón de euros para impulsar un
ecosistema plurirrexional centrado na dixitalización do sector
agroalimentario. Colaborou con Andalucia, Estremadura e Portugal,
contando coa Xunta de Galicia como integrante do consorcio. Mobilizou
a máis de 150 pemes sectoriais en mesas redondas, enquisas e
servizos.
Outro
fito foi a creación dun laboratorio de dixitalización e tecnoloxías
avanzadas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Neste
laboratorio de demostración implantáronse sensores avanzados e unha
plataforma que permite a identificación e monitoraxe en tempo real
das árbores nunha das leiras experimentais do centro.