DATAlife ofrece servizos de I+D sen custo para as pemes estratéxicas de Galicia

luns, 5 de xuño do 2023 S. P.

O equipo de xestión de DATAlife e representantes dos socios

DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH) para as Ciencias da Vida de Galicia celebrou en Santiago a súa sexta asemblea xeral ordinaria, onde destacou os logros alcanzados desde a súa creación en 2019. DATAlife é un dos dous hubs de innovación dixital estratéxicos impulsados pola Xunta para contribuír á transformación dixital das pemes galegas. Neste sentido, a Administración autonómica, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) destacou a “importancia de DATAlife como entidade capaz de mobilizar ao ecosistema, dende os centros tecnolóxicos e universidades ata as pemes, que son as que máis apoio necesitan en dixitalización”.
Pablo Álvarez Freire, presidente de DATAlife, recalcou a importancia de poder contar co financiamento de GAIN para que o hub comezase a súa andaina e destacou a oportunidade de contar con subvención estatal e europea grazas á obtención do proxecto europeo EDIH DATAlife. “A nosa selección como European Dixital Innovation Hub pola Comisión Europea (CE) posiciónanos e permite dar o chimpo a Europa, conseguindo maior proxección para Galicia nos ámbitos tecnolóxicos e sectoriais que nos ocupan”, sentenciou.

Pablo Álvarez Freire, presidente de DATAlife e o equipo do hub que xestiona Lucía Castro

DATAlife sitúase deste xeito como o único hub galego que recibe apoio económico por parte da CE cun proxecto de case seis millóns de euros. Os fondos permiten ofertar servizos tecnolóxicos de I+D totalmente gratuítos para as pequenas e medianas empresas dos sectores agro-mar alimentación, biotech, forestal-madeira e saúde-coidados. As entidades interesadas xa poden poñerse en contacto con DATAlife para comezar a recibilos.
O hub repasou as iniciativas en marcha, como o proxecto Hub Iberia Agrotech (HIBA) que pretende impulsar un ecosistema plurirrexional centrado na dixitalización do sector agroalimentario de España e Portugal a partir dos DIH. Destacou o seu apoio a 12 proxectos a través das convocatorias Conecta COVID e Conecta Hubs promovidas por GAIN e ao proxecto MANS 4.0, liderado por Raiola Residencial, a través de Axudas destinadas á dixitalización dá industria 4.0 do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
DATAlife, apoiado por todo o seu equipo de xestión liderado pola xerente Lucía Castro, tamén presentou un resumo en cifras aos seus 18 socios. E destacou mobilizar ao redor duns 19 millóns de euros a través de 25 proxectos e dar soporte a case 900 pemes e outras entidades. Finalmente, e centrando a mirada en temas de Intelixencia Artificial, tamén fixo mención dos 21 servizos apoiados polo hub neste ámbito, que inclúen accións como acceso a financiamento, o apoio a proxectos ou mesmo o desenvolvemento de servizos tecnolóxicos relacionados con esta tecnoloxía.

PUBLICIDADE