DATAlife reforza a súa capacidade transformadora coa incorporación como socio do Clúster da Madeira

venres, 4 de xuño do 2021 S. P.

Pablo Álvarez Freire, presidente do Hub DATAlife

A iniciativa DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH), con sede en Santiago e centrada en converter a Galicia nunha “biorrexión” de referencia a través da colaboración e a Intelixencia Artificial, incorporou como novo socio ao Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), unha adhesión que afianza a súa base social para afrontar coa maior eficacia a transformación dixital do tecido empresarial galego, poñendo o foco nos eidos da alimentación agro-mar, a biotecnoloxía, o foresta, a saúde e os coidados.
DATAlife, que preside Pablo Álvarez Freire, tamén adxunto á dirección do Grupo Zendal, celebrou hai uns días en remoto a súa asemblea xeral ordinaria, que ratificou a incorporación do Cluster da Madeira, encargado de liderar o nodo Forestal-Madeira de DATAlife que captará as necesidades das pemes do sector e difundirá as solucións de dixitalización deseñadas desde o Hub.
O presidente de DATAlife, Pablo Álvarez Freire, salientou a relevancia e fortaleza da base social do Hub de Innovación Dixital e agradeceu a todos os socios o seu compromiso cun proxecto que cualificou de “apaixonante”. E engadiu: “A nosa misión é unha e única, achegar valor ao ecosistema galego de innovación vinculado ás ciencias da vida. Desde DATAlife queremos ante todo mellorar a competitividade das pemes galegas e das súas cadeas de valor, desexamos que coa nosa axuda e colaboración sexan os protagonistas do empuxe económico de Galicia nas vindeiras décadas”.
O presidente tamén fixo saber que DATAlife prestará servizos a 3.700 empresas que traballan en cadeas de valor que representan o 19,4 por cento do Valor Engadido Bruto (VAB) e xeran 75.000 postos de traballo.
Pablo Álvarez Freire confía en incorporar novos socios nos próximos meses. Amais do devandito, agradeceu tamén o impulso decidido da Xunta e o seu firme compromiso a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). E sinalou os dous obxectivos a curto prazo: “Que DATAlife se converta no Hub de Innovación Dixital de referencia en Galicia e que o noso proxecto sexa recoñecido pola Unión Europea como Hub de Innovación Dixital Europeo”.
O máximo responsábel de DATAlife asegurou que o proxecto nace con vocación transformadora e deixou claro que os Digital Innovation Hub (DIH, nas súas siglas en inglés), gobernados desde a demanda, son “fundamentais para pilotar con éxito a transformación dixital das pemes e facer que estas sexan máis competitivas na actual contorna global de competencia”.
Pola súa banda, o xerente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, Ricardo González, destacou a “ilusión e motivación” de a entidade empresarial da que é responsábel e dos seus socios por integrarse en DATAlife como “membro de pleno dereito”. E engadiu: “Captaremos as necesidades das pemes do sector forestal-madeira e actuaremos como portavoz das súas demandas”.
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, dirixiu unhas palabras á asemblea xeral, enxalzando o “carácter estratéxico” de DATAlife para “construír a Galicia do futuro a través da innovación dixital do seu tecido produtivo”. Argerey engadiu que “a transición dixital é unha das prioridades do plan de reactivación do Goberno galego” e felicitou ao equipo de xestión do hub “polo esforzo nestes primeiros pasos”.
Obxectivos de DATAlife
DATAlife proponse facilitar a incorporación da Intelixencia Artificial e a analítica de datos nas pemes galegas dos sectores ligados ás ciencias da vida. DATAlife está ao servizo das pemes para mellorar a súa competitividade, permitíndolles aproveitar as vantaxes das tecnoloxías dixitais para vender máis, mellorar a súa conta de resultados, ser máis eficientes e competir con maiores garantías nunha contorna global. Os socios de DATAlife son cinco clústers: Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Clúster da Acuicultura de Galicia (CA), Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia (CMD), Clúster Saúde de Galicia e Clúster TIC Galicia; tres empresas tractoras: Grupo Zendal, Finsa e Televés; cinco centros tecnolóxicos: Energylab, Gradiant, ANFACO-CECOPESCA; o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e o sistema universitario de Galicia: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e FEUGA.

PUBLICIDADE