DAZN permitirá contratar o Mundial de Fútbol completo por 19,99 euros
xoves, 23 de abril do 2026
Os dereitos de retransmisión dos grandes encontros deportivos están a ser un dos eixes sobre os que xiran canles de televisión e plataformas de vídeo en streaming, estando aínda por definir cal será o modelo de negocio que se establecerá a longo prazo, de aí que sexa interesante ver a fórmula que adoptará DAZN para ofrecer a Copa Mundial da FIFA 2026.
A plataforma de deportes en streaming, que será a oficial do macroevento, acaba de confirmar que os seus subscritores poderán gozar do Mundial de Fútbol completo (os 104 partidos en directo, así como a posibilidade de gozar dunha ampla programación diaria) por un pagamento único de 19,99 euros, adicionais á tarifa contratada na plataforma.
Deste xeito, se procedemos a darnos de alta en DAZN, teremos distintas tarifas dispoñibles con prezos que parten dos 4,99 euros/mes ás que pode sumarse un pagamento único de 19,99 euros, estando tamén dispoñible unha oferta especial que por 31,99 euros/mes (cunha permanencia de 12 meses) ofrece o plan Premium (con fútbol, Fórmula 1, MotoGP, NBA e NFL) e non precisaría do pagamento adicional de 19,99 euros.
A tarifa máis económica de contratación do Mundial sen permanencia suporía a subscrición á tarifa Made In USA durante dous meses (7,99 euros/mes) engadindo os 19,99 euros do Mundial, polo que o prezo total para gozar da competición completa partiría dos 35,97 euros. Para menores de 30 anos a mensualidade baixaría a 5,59 euros/mes, de xeito que o Mundial completo quedaría en 31,17 euros.
