DIMElab, nova spin-off da USC, fornecerá de serious games o noso ámbito docente e empresarial

venres, 26 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Co novo ano, vén de coller pulo a que sería a primeira empresa de alicerce tecnolóxico xurdida da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. Estamos a falar da DIMELab, spin-off da USC acabada de constituír e centrada en boa medida no desenvolvemento e análise de medios educativos. A nova firma foi posta en marcha polo Grupo de Investigación Stellae, integrado por profesionais e investigadoras/es do ámbito docente.
Segundo fan saber, a orixe deste proxecto está nas máis de dúas décadas de traballo do GI Stellae (de 1997 á actualidade), unha equipa de traballo moi centrada en formación e desenvolvemento profesional, organización educativa, inclusión, materiais didácticos e tecnoloxía educativa. A súa spin-off envorcará boa parte da bagaxe xerada ao longo dos devanditos 20 anos no ámbito tecnolóxico e dixital. De feito, unha das súas liñas estratéxicas (amais do asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía) será a desenvolver recursos didácticos do tipo serious games (xogos serios para educación e formación).
Así mesmo, DIMElab tamén centrará parte dos seus esforzos na realización de probas, análises ou testing de produtos didácticos, para tentar garantir que os materiais deseñados para a educación sigan certos estándares de calidade pedagóxica.
A idea de DIMElab xorde tras o traballo de Stellae coa AVTE (Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC), que axudou a transferir os resultados de investigación do grupo ao mercado, e ante as necesidades sociais detectadas na actualidade, entre as que se inclúen as seguintes: a necesidade de desenvolver novos medios educativos para o sector educativo e profesional, a demanda crecente de serious games, a necesaria actualización do profesorado en metodoloxías activas superando ou complementando ás tradicionais ou a demanda de máis formación en competencias dixitais por parte da sociedade.
A empresa, que ten a súa sede no Edificio Emprendia (Campus Vida en Santiago de Compostela), constitúena a día de hoxe preto de dez persoas, entre socias/os, xerencia e persoal con demostrada experiencia profesional no sector da educación e da tecnoloxía.

PUBLICIDADE