DJI lanza o seu primeiro dron con gravación de vídeo en 360 graos

xoves, 26 de marzo do 2026 Redacción

DJI presenta o Avata 360, un dron que combina gravación en 360 graos en 8K cunha experiencia de voo FPV inmersiva, coa intención de ampliar as posibilidades creativas nun único dispositivo. O novo modelo incorpora sensores equivalentes de 1 polgada, transmisión de vídeo O4+ e detección de obstáculos omnidireccional, elementos que buscan mellorar tanto a calidade de imaxe como a seguridade durante o voo.
O Avata 360 aposta por unha captura integral da escena grazas a un sistema de dobre óptica intercambiable. No modo 360 graos permite rexistrar vídeo HDR en 8K a 60 fotogramas por segundo e fotografías de ata 120 megapíxeles, con píxeles de gran tamaño e alto rango dinámico que favorecen a reprodución de luces e sombras. Ademais, o material pode ser reencadrado posteriormente para xerar múltiples perspectivas a partir dunha única toma. Tamén inclúe un modo de lente única para gravación convencional en 4K.
O dispositivo integra o sistema de transmisión O4+, que proporciona sinal en directo en 1080p a 60 fotogramas por segundo e un alcance de ata 20 quilómetros, cun comportamento optimizado fronte a interferencias. Esta capacidade complétase cun tempo máximo de voo de 23 minutos e diversas funcións de seguridade, entre elas a detección de obstáculos en todas as direccións, incluíndo contornas nocturnas, e protectores de hélices integrados.
O dron está deseñado para funcionar tanto con mandos tradicionais como coas gafas e controladores de movemento da marca, o que permite unha experiencia FPV máis inmersiva. Ademais, incorpora ferramentas de software para facilitar a creación de contido, como o seguimento automático de obxectos, modos de cámara intelixentes ou opcións avanzadas de estabilización e edición desde as aplicacións DJI Fly e DJI Studio.
Entre outras características, destaca a posibilidade de substituír a lente frontal sen necesidade de asistencia técnica, así como os 42 gigabytes de almacenamento interno, que permiten gravar arredor de 30 minutos de vídeo en 8K sen tarxeta adicional. A transferencia de arquivos tamén se ve reforzada mediante Wi-Fi 6, con velocidades de ata 100 megabytes por segundo.
O Avata 360 estará dispoñible para a súa compra con envíos previstos para finais de abril de 2026. O prezo parte dos 459 euros para o dron en solitario, mentres que as distintas configuracións con mando e accesorios alcanzan ata os 939 euros. Estes prezos son sumamente agresivos, xa que o seu competidor máis directo, o Antigravity A1, lanzando hai poucos meses, chegou a España a un prezo de entre 1.399 euros e 1.899 euros, aínda que actualmente véndese cun 15 % de desconto, o que continúa colocando o produto nunha situación de desvantaxe fronte ao de DJI.

Vídeo de presentación do DJI Avata 360