DJI pon á venda un micrófono sen fíos pequeno e lixeiro

martes, 26 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Como un complemento a todos os seus dispositivos de gravación de vídeo DJI conta tamén con micrófonos sen fíos, e tras lanzar dúas xeracións do seu reputado DJI Mic, estrean agora unha versión máis cativa e económica: o DJI Mic Mini.
Falamos dun micrófono sen fíos de só 10 gramos de peso que podemos colocarnos cunha pinza, unha conexión magnética ou unha correa, que pode conectarse por Bluetooth a numerosos dispositivos de DJI como cámaras de acción e drons, ou ao noso smartphone a través dun receptor USB-C, conseguindo así que as nosas gravacións en mobilidade teñan unha boa calidade sonora.
Estes micrófonos contan con dous niveis de cancelación de ruído activa, tecnoloxía para evitar a saturación do audio, e a posibilidade de empregalo en conxunción cun estoxo de carga para así conseguir até 48 horas de autonomía. O alcance da transmisión de audio sen fíos pode chegar até os 400 metros.
O DJI Mic Mini xa está dispoñible para a súa compra por 169 euros nun lote que achega dous micrófonos, un receptor e un estoxo de carga, sendo posible incluso mercar unicamente un emisor e un receptor por 89 euros, o que é unha das mellores opcións para usuarios que simplemente queren realizar gravacións ou directos dende o móbil cunha boa captación da súa voz.

Vídeo de presentación do DJI Mic Mini