DJI presenta un dron de menos de 250 gramos de peso
mércores, 30 de outubro do 2019
Chegou
a data longamente agardada, e DJI presentou o que probablemente sexa o produto
máis revolucionario na historia dos drons de consumo, o DJI Mavic Mini, xa que estamos
ante o primeiro dron avanzado cun peso de só 249 gramos de xeito que pode
evitar as restritivas lexislacións existentes sobre os drons (que van dende a
obrigatoriedade de rexistro até a esixencia de títulos de piloto, pasando por
numerosas zonas de exclusión) converténdose no que consideran que é unha cámara
voadora de uso cotián.
Este novo dron pertence á familia Mavic, caracterizada polo seu deseño
encartable, que facilita o seu transporte; estes drons tamén integran numerosas
medidas de seguridade e automatismos, para que usuarios inexpertos poidan
empregalos sen provocar grandes riscos nin estragar a aeronave no primeiro voo
de proba.
O DJI Mavic Mini pode controlarse a distancia comodamente, valéndonos dunha
aplicación móbil e dun mando para conseguir unha boa cobertura, á vez que
recibe en tempo real vídeo en alta definición captado pola cámara do dron.
Ao
estarmos ante un vehículo tan lixeiro, o seu tempo de voo podo chegar até os 30
minutos, e os seus sensores facilitan que os voos sexan estables, á vez que as
engalaxes e aterraxes sexan precisas. A cámara pode disparar fotografías de 12
Mpíxeles, gravar vídeo a 2,7K (2.720×1.530 píxeles) a 30 imaxes por segundo ou a Full HD a 60 imaxes
por segundo, e editar estas gravacións comodamente a través dunha aplicación
móbil que inclúe preconfiguracións para poder compartir de xeito áxil as nosas
filmacións nas nosas redes sociais.
O dron contrólase a través da aplicación DJI Fly, que non só permite un manexo básico,
senón que tamén facilita o uso do DJI Mavic Mini en voos suaves ou en voos
deportivos, así como conta con efectos pre-programados para a realización de
tomas espectaculares con tan só uns poucos toques. Os modos QuickShot deste
dron serían Dronie, Foguete, Órbita e Espiral.
A aplicación tamén conta con
funcións sociais, o que axuda a descubrir fermosos lugares onde gravar preto de
onde esteamos.
O DJI Mavic Mini pode mercarse
xa a un prezo de 399 euros na súa versión básica, mentres que a
versión Vuela Más que inclúe numerosos extras entre os que destacan
baterías adicionais co seu estoxo de carga, véndese por 499 euros. Temos
así que este dron non só é un dos máis versátiles e con maior potencial do
mercado (xa que pode empregarse para voar sobre concentracións de persoas
sempre que non se superen os 20 metros de altura), senón que tamén é un dos
máis económicos, o que claramente disparará as súas vendas de cara á campaña de
Nadal.
- O DJI Mavic Mini chega ao mercado cunha ampla variedade de accesorios
Vídeo de presentación do DJI Mavic Mini