DJI presenta un dron para voar en primeira persoa

xoves, 25 de agosto do 2022 Marcus Fernández

O fabricante líder de drons de consumo, DJI, presentou oficialmente hoxe o DJI Avata, un dron que ofrece unha magnífica experiencia de voo en primeira persoa valéndose das novas DJI Goggles 2 e dun intuitivo controlador de movementos (sendo tamén posible controlar o dron un mando tradicional).
Estamos ante un dron de 410 gramos de peso que aposta pola velocidade e a seguridade (integra protectores nas hélices), de xeito que pode animar a moitos a introducirse no mundo dos drons controlables en primeira persoa mediante un visor, aínda que desta volta resulta rechamante que esteamos ante un dron equipado cunha cámara de calidade, cun sensor CMOS de 48 Mpíxeles capaz de gravar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo ou 2,7K a até 120 imaxes por segundo.
As DJI Goggle 2 son un visor que integra unha pantalla micro-OLED de grande calidade, que permite axustar a separación entre pupilas e as dioptrías de cada ollo (facilitando o seu uso por persoas que precisan lentes, sen ter que utilizalas), e tamén integran a tecnoloxía de transmisión DJI O3+, ofrecendo unha latencia reducida (30 milisegundos) para a retransmisión de vídeo Full HD a 100 imaxes por segundo (con codificación H.265 até a 50 Mbps) cun alcance máximo de 10 quilómetros.
O controlador de movementos DJI tamén é un accesorio a ter moi en conta, xa que permite manexar o dron mediante movementos naturais cunha única man, o que pode resultar moi atractivo para usuarios que queiran iniciarse neste tipo de drons.
O dron DJI Avata véndese de xeito independente por 579 euros, pensando en usuarios que xa teñan visor e mandos de drons anteriores; pero os usuarios que queiran comezar de cero terían que facerse coa versión Fly Smart, que inclúe tamén visor e o controlador de movementos DJI, cun prezo de 1.149 euros; mentres que os usuarios máis esixentes poden facerse coa versión Pro-View que como visor inclúe a nova versión das Googles 2 a un prezo de 1.429 euros. A maiores tamén se vende o lote Vuela Más, con 2 baterías adicionais e un centro de carga por 249 euros, sendo unha opción máis que recomendable, xa que cada batería ten unha autonomía máxima de 18 minutos (o que pode resultar moi pouco tempo para quen queira gozar da experiencia de voo inmersivo deste dron).

PUBLICIDADE