DJI presenta unha das cámaras deportivas máis completas do mercado

mércores, 15 de maio do 2019 Marcus Fernández

O fabricante de drons DJI presentou hoxe unha nova cámara deportiva chamada a rivalizar directamente coas de GoPro, a DJI Osmo Action, que presume de capturar vídeo estable e fluído con grande nivel de detalle, así como soportar condicións moi duras, converténdose nun bo compañeiro de viaxe para os máis aventureiros.
A DJI Osmo Action é unha cámara moi compacta, resistente a golpes, po e auga (podendo funcionar baixo a auga e a temperaturas de até 10 graos baixo cero) que sorprende por integrar dúas pantallas: unha traseira táctil de 2,25 polgadas e unha frontal de 1,4 polgadas pensada para o disparo de selfies e a gravación de videoblogs.
O sensor desta nova cámara é de 1/2,3 polgadas, pode capturar fotografías de 12 Mpíxeles e na gravación de vídeo chega até os 4K a 60 fotogramas por segundo a 100 Mbps, aínda que tamén permite gravar en 4K con HDR a 30 imaxes por segundo. Inclúe un modo de gravación RockSteady (con estabilización electrónica), integra un par de micrófonos e un altofalante e, como curiosidade, pode responder a ordes de voz.
No que se refire ás funcións creativas, a Osmo Action pode gravar en cámara lenta Full HD a 240 ou 120 imaxes por segundo (ou sexa 8x ou 4x), permite crear timelapses e tamén conta cun modo de exposición configurable (por exemplo, para poder capturar o ceo nocturno).
A DJI Osmo Action pode comunicarse coa aplicación móbil DJI Mimo por Wi-Fi ou Bluetooth (o que permite a vista en directo da cámara e a edición rápida de vídeo, entre outras funcións) e tamén conta cun amplo abano de accesorios como monturas, soportes adhesivos, filtros ou unha carcasa somerxible que protexe o dispositivo para profundidades de até 60 metros baixo a auga (sen a carcasa pode funcionar até a 11 metros de profundidade).
O prezo desta nova cámara de DJI é de 379 euros, polo que será un duro rival para a GoPro HERO7 Black, que custa 429,99 euros e carece dá pantalla frontal para vídeo.

Unha carcasa opcional permite somerxer a Osmo Action até a 60 metros de profundidade

Vídeo de presentación da DJI Osmo Action

PUBLICIDADE