DJI revoluciona as cámaras de acción
venres, 20 de setembro do 2024
DJI continúa a pórlle as cousas complicadas a GoPro, e agora lanza a nova cámara de acción Osmo Action 5 Pro, que por un prezo que parte dos 379 euros promete unha calidade de imaxe revolucionaria, batería de longa duración e un par de pantallas táctiles OLED de alto brillo.
A Osmo Action 5 Pro conta cun sensor de 1/1.3” de última xeración cun alto rango dinámico de 13,5 pasos que pode capturar en D-Log M de 10 bits con visualización en alto brillo en HLG, podendo incluso gravar con alto rango dinámico e pouca luz en 4K a 60 imaxes por segundo (empregando un algoritmo de redución de ruído para compensar a escuridade en contornos pouco iluminados).
A súa batería de 1.950 mAh permite até 4 horas de uso continuo (o que supón unha mellora do 50% con respecto ao modelo anterior), prometendo que a 20 graos baixo cero é incluso capaz de gravar vídeo durante até 3,6 horas.
Un detalle significativo desta nova cámara é que conta coa opción de encadre e seguimento de obxectos integrado, de xeito que non precisa dun estabilizador para realizar gravacións de calidade.
Tamén estamos ante unha cámara optimizada para a fotografía submarina, podendo operar até a 20 metros de profundidade sen carcasa protectora adicional. O seu sensor de temperatura de cor interno captura cores auténticas baixo o mar.
No apartado sonoro destaca que a Action 5 Pro pode conectarse directamente por Bluetooth ao transmisor DJI Mic 2, facilitando un son de calidade sen ter que conectar á cámara o correspondente receptor.
Tamén podemos salientar que a cámara ten 47 GB de almacenamento interno e mediante Wi-Fi 6 ofrece velocidades de transferencia de até 80 MB/segundo (contando tamén con USB 3.0), o seu Wi-Fi pode aproveitarse para facer streaming en directo en varias resolucións e tamén inclúe tecnoloxía de código de tempo para facilitar a sincronización de gravacións con múltiples cámaras.
Vídeo promocional da DJI Osmo Action 5 Pro