DOOM Eternal chega a PS4, Xbox One, PC e Google Stadia

venres, 20 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Hai preto de catro anos o clásico DOOM renaceu como xogo para ordenadores e consolas de videoxogos actuais, nun título moi ambicioso que pese a ter uns gráficos cunha calidade tal que resultaba difícil establecer unha ligazón co xogo orixinal, mantiña a esencia de acción frenética da primeira entrega da franquía de id Software.
Tras o reboot chega un novo título para continuar a súa historia, DOOM Eternal, que dende hoxe podemos mercar en versión para PC, Xbox One, PlayStation 4 e Google Stadia, e que máis adiante chegará a Nintendo Switch. Os que reservaron o xogo recibirán de balde unha versión para a súa plataforma de DOOM 64, título estreado para Nintendo 64 pero que tamén podemos adquirir por separado para PC, Xbox One, PlayStation 4 e Nintendo Switch a un prezo de 4,99 euros.
Unha vez máis o xogo introdúcenos na pel dun Slayer que ten que cruzar dimensións aniquilando demos para deter a destrución definitiva da humanidade, para o que teremos potente armamento, incentivos para executar aos inimigos (dos que podemos conseguir saúde, armadura e munición); e incluso contaremos cun novo modo multixogador de 2 contra 1, no que un Slayer terá que enfrontarse a 2 xogadores demo en 5 asaltos de intenso combate en primeira persoa. Este último modo de xogo contará de entrada con 6 mapas elaborados a man e 5 demos xogables.

As reservas de DOOM Eternal recompénsanse con DOOM 64

Tráiler de lanzamento de DOOM Eternal

PUBLICIDADE