DOOM volve coma xogo para o iPhone

martes, 30 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios do iPhone ou o iPod Touch pode adquirir na App Store o novo xogo DOOM Resurrection, unha nova entrega da saga de DOOM, creada por John Carmack, e que foi o referente máis significativo dentro dos xogos de acción en primeira persoa para PC, e que por 7,99 euros métese agora na pequena pantalla dos dispositivos de Apple.
Deixando un pouco de lado a desculpa argumental do xogo, estamos ante un clásico mata-mata no que hai que rematar con múltiples inimigos monstrosos repartidos en 8 niveis (6 ambientados en Marte e 2 no Inferno) para o que podemos facer uso de distintas armas que van dende o rifle de asalto e a escopeta ata chegar á clásica motoserra.
Fronte aos tradicionais xogos de DOOM nos que se combina o movemento do personaxe co sistema de apuntamento para disparar aos inimigos, o que supón un control bastante complexo, esta nova entrega adáptase ao iPhone coma un shooter on rails, de xeito que o xogador pode despreocuparse dos movementos do personaxe que controla, tendo que atender só a disparar aos inimigos que van aparecendo polas distintas pantallas, manexándose o punto de mira inclinando o iPhone e empregándose a pantalla táctil para disparar ou cambiar de arma.

PUBLICIDADE