DOTA 2 abre completamente o seu acceso
martes, 17 de decembro do 2013
Tras varias fases de proba, o agardado xogo DOTA 2, que conta actualmente cuns 6,5
millóns de xogadores ao mes, está xa dispoñible publicamente a través
de Steam, de xeito que os que queiran botar unha partida ao mesmo só terán
que entrar nesta plataforma de xogos descargables e premer no botón de xogar,
para que este título de Valve se instale no seu equipo e poida así xogarse sen
listaxes de espera nin limitacións semellantes, xa que nas fases previas
conseguiron axustar os servidores que atenden as partidas deste videoxogo para
atender á alta demanda provocada polo seu grande volume de usuarios.
Este xogo que naceu como modificación de Warcraft
3 e que gañou unha identidade propia (converténdose en todo un sub-xénero
da estratexia en tempo real) está dispoñible para ordenadores con Windows, OS X
e Linux, estando debidamente localizado a numerosos idiomas (entre os que non
faltan o español e o portugués).
Este RTS de acción comercialízase
baixo o modelo do free-to-play, de
xeito que é posible gozalo de balde, aínda que para desbloquear certos
elementos haberá que investir cartos reais no mesmo.