DTEN ME, o equipo para usar Zoom no fogar

venres, 17 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Durante o confinamento conseguiu moita relevancia a solución de videoconferencia Zoom, e aínda que esta plataforma funciona sen problema dende ordenadores persoais e dispositivos móbiles, hai compañías que ousan presentar produtos específicos, como DTEN ME, un equipo que definen como Zoom para o fogar, ou sexa, que buscaría facilitar o uso das videoconferencias grupais para os profesionais que traballan dende casa.
Este curioso equipo está equipado cunha pantalla táctil de 27 polgadas, cun deseño moi delgado para ocupar o mínimo no escritorio, e que permite aproveitar as súas funcionalidades táctiles para debuxar nos encerados das xuntanzas virtuais; recolle a imaxe do usuario valéndose dunha matriz de 3 cámaras; e para unha boa experiencia sonora ten 8 micrófonos e 4 altofalantes.
O DTEN ME sae á venda en agosto nos EE.UU: a un prezo de 599 dólares (524 euros), mentres que a Europa chegará en setembro, sendo toda unha incógnita se existe unha demanda real dun produto deste tipo a un prezo tan elevado.

O deseño compacto do DTEN ME facilita a súa colocación en numerosos lugares

Vídeo promocional do DTEN ME

PUBLICIDADE