DaVinci Resolve terá versión para iPad en poucas semanas
xoves, 20 de outubro do 2022
O anuncio da
renovación do iPad Pro para incorporarlle un procesador M2 deixábase caer
que habería versión da coñecida aplicación de edición de vídeo DaVinci Resolve
para iPad, e finalmente Blackmagic
Design confirma que a aplicación estará dispoñible como descarga de balde antes
de rematar o presente ano, incluíndo compras na aplicación para desbloquear
funcións avanzadas.
DaVinci Resolve para iPad permitirá aos creadores de contido levar os seus
fluxos de traballo a novas localizacións, conta cunha interface adaptada tanto
a un control multitáctil como ao Apple Pencil, e incluso inclúe soporte para a
nube do fabricante, permitindo así a colaboración con múltiples usuarios
espallados polo mundo.
A aplicación está optimizada para procesadores Apple Silicon, de xeito que pode
empregarse nos iPad Pro con M1 ou M2 (conseguindo neste último un rendemento
moi superior á hora de procesar vídeos ProRes en ultra alta definición), e
incluso permite amosar os vídeos cos que se traballe de xeito limpo nunha
pantalla externa (como un Apple Studio Display, un monitor Pro Display XDR ou unha
pantalla compatible con AirPlay) facendo así máis áxil o traballo coas cores
dende o iPad.
Os proxectos creados con DaVince Resolve para iPad son compatibles co DaVinci
Resolve de escritorio, soportando tamén ficheiros en formatos como H.264, H.265
Apple ProRes e Blackmagic RAW, que poden importarse ao almacenamento interno do
iPad Pro ou empregarse en iCloud ou en unidades externas conectadas por USB-C.
Cómpre salientar que a aplicación está optimizada para o iPad Pro con pantalla
de 12,9 polgadas, nos que é capaz de tirar proveito do HDR, precisando para
funcionar iPad OS 16 ou superior.