Dance Paradise animará a bailar 40 éxitos internacionais na Xbox 360

martes, 9 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Mañá chega ás tendas Kinect para Xbox 360, e aínda que moitos teñen asociado o produto ao xogo Dance Central, que segundo os analistas está a sentar as bases para converterse no Guitar Hero dos xogos de baile, non é o único título deste estilo para Kinect, senón que Mindscape tamén pon á venda este mes Dance Paradise, un xogo cunha mecánica moi semellante aos SingStar, pois amosa os vídeos musicais orixinais das cancións a bailar, á vez que o noso avatar aparece en pantalla reproducindo os nosos movementos de baile.
Este título contará con modo multixogador (tanto en cooperativo coma en competitivo, contando tamén cun modo ataque no que saltando poderemos afectar negativamente ao noso rival), deseños divertidos, distintas localizacións (Tikki Lounge, piscina, praia, Club VIP, discoteca e Marina) e un catálogo musical moi variado no que mestúrase o Around the World de Daft Punk co Can’t Touch This de M.C. Hammer, pasando por cancións de Lady Gaga, Mika, Gwen Stefani, Lily Allen, Kool & The Gang, Supergrass, Frankie Goes To Hollywood, 50 Cent e moitos outros.


Así vese o Relax de Frankie Goes To Hollywood en Dance Paradise

Carátula británica do xogo