Daniel Cerqueiro amosará ante o comercio de Ferrrol os pasos a seguir para ter éxito coas TIC

venres, 6 de outubro do 2017 Redacción

A Asociación de Empresarios Ferrolterra (AEF) celebra o vindeiro martes 10 de outubro un obradoiro de mercadotecnia en liña (en inglés, márketing online) dirixido aos sectores comercial e hostaleiro e máis ao público en xeral. A finalidade da cita, en palabras da asociación, é “dar as claves para que os empresarios aprendan a promover os seus negocios a través de Internet, amosando as ferramentas máis eficaces para acadalo”. A xornada, apoiada polo Concello de Ferrol, contará coa presenza de Daniel Cerqueiro, xerente da empresa galega Abertal e un dos nosos principais expertos en mercadotecnia dixital, con dilatada experiencia formativa e de asesoramento en varias organizacións galegas.
A cita desenvolverase en horario de 16.30 a 18.30 horas no Antigo Hospicio de Ferrol. A maiores dos devanditos obxectivos, outra das finalidades do evento é “dar unha visión global das estratexias dixitais, mellorando o funcionamento e a calidade dos servizos comerciais e da hostalería, especialmente no relacionado coas novas tecnoloxías.
O obradoiro dará comezo ás 16.45 horas cun relatorio a cargo de Daniel Cerqueiro, quen achegará as claves para que unha PEME “desenvolva unha axeitada estratexia dixital”. Cerqueiro, amais do seu labor en Abertal, é o fundador da empresa Galinus Taller de Novos medios e arestora desenvolve unha manchea de actividades relacionadas con Internet e as TIC. Ademais é un dos socios promotores de Phottic (Abertal) e leva a cabo labores de CMO (responsábel de mercadotecnia) de Enxendra, participando ademais en accións formativas na Universidade de Santiago e asesorando a diversas organizacións e entidades como Startup.gal, Laconnetwork, Clúster TIC de Galicia, AGAL e Intermon Oxfam, entre outras.
Segundo informa a organización da xornada, rematada a charla inicial, ás 17.30 horas Daniel Cerqueiro explicará o caso de éxito da Mercería Sarabia de Vigo, unha tenda de barrio que, “a través da venda en Internet e o uso das redes sociais, converteuse no segundo vendedor de produtos de mercería online en España”. Cerqueiro estará acompañado do propietario do negocio, que explicará como foi a experiencia e cales son os segredos para triunfar co uso das tecnoloxías dixitais.
Por último, ás 18.00 horas, os asistentes poderán consultar as dúbidas que teñan sobre o que se fale durante a xornada, establecendo un diálogo aberto sobre os temas de máis interese.

PUBLICIDADE