DataSpartan, Egatel, Imatia, Indra, NTT Data e Sixtema participan no Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo

xoves, 27 de febreiro do 2025 S. P.

DataSpartan, Egatel, Imatia, Indra, NTT Data e Sixtema participarán no Foro Tecnolóxico de Emprego, que se celebra os días 11 e 12 de marzo no Campus de Vigo. O evento, organizado por alumnado das tres escolas de enxeñería da universidade (Escola Técnica Superior de Enxeñería Industrial, Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicación e Escola Técnica Superior de Minas e Enxeñería), celebra este ano o seu 25 aniversario con récord de participación: 51 empresas en total.
Ademais de ser unha oportunidade idónea para conectar estudantes con empresas do sector TIC, a cita dará acubillo a diferentes obradoiros creativos e actividades baixo a fórmula do speed recruiting, un sistema de entrevistas rápidas para que as empresas poidan coñecer de maneira áxil aos diferentes candidatos. Tamén se recuperará o formato de mesa redonda con responsábeis de recursos humanos para discutir as necesidades actuais ao contratar persoas acabadas de graduarse.
Dataspartan e Indra protagonizarán dous dos workshops previstos no Foro Tecnolóxico de Emprego. O martes 11 de marzo, ás 9.30 h, DataSpartan achegará o obradoiro Texto a Coñecemento: Construíndo un Buscador Semántico con Procesamento de Linguaxe Natural (NLP). O mércores 13 de marzo, ás 17:00 h, Indra abordará a Introdución práctica e aplicacións en RFSoC, un dos dispositivos máis avanzados en sistemas de radiofrecuencia (RF).
O Clúster TIC Galicia, do que forman parte das ditas empresas galegas, lembra que na última edición deste encontro participaron ao redor de 1.200 estudantes e estímase que aproximadamente o 90% das prácticas curriculares e extracurriculares proveñen do foro, “o que destaca a relevancia deste foro dentro do panorama educativo actual”.