Dativic, referente en produtos de impresión 3D, recibe a visita da directora de GAIN

xoves, 27 de xaneiro do 2022 S. P.

A empresa Dativic, con sede en Nigrán e centrada no subministro profesional de produtos de impresión 3D e fabricación aditiva, recibiu este xoves 27 de xaneiro a visita da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen destacou o carácter innovador dunha compañía, que, segundo lembrou, conta con apoio da Xunta para contratar persoal mozo para a realización de actividades de I+D+i. Tamén enxalzou o espírito investigador da empresa, “sempre á procura de novos produtos e materiais”.
Patricia Argerey tamén recordou que segue aberto ata o 3 de febreiro o programa Investigo da Consellería de Emprego e Igualdade, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado con fondos europeos Next Generation. Este programa, cun orzamento de 13,1 millóns de euros, apoiará a contratación durante 12 meses a xornada completa de ata 585 persoas menores de 30 anos demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación nas universidades públicas, organismos de investigación, centros tecnolóxicos, parques científicos e empresas que invistan en I+D+i. O importe unitario das axudas oscilará entre os 22.405,94 e os 33.108,92 euros en función do número de persoas que se van contratar, o grupo de cotización e o ano de contratación.
Dativic
Creada en 2013, a empresa Dativic, distinguida no seu día pola iniciativa de comercio electrónico filament2print.com, participou na aceleradora ViaGalicia (Zona Franca de Vigo) e acadou o recoñecemento ao mellor ecommerce de Galicia no ano 2017. Actualmente, vende en máis de 90 países e conta con máis de 15.000 clientes por todo o mundo. A súa aposta pola internacionalización e a innovación é fundamental, segundo sinalan os seus impulsores, “para poñer sempre ao alcance do mercado as últimas innovacións en canto a produtos de impresión 3D”.