David Aguilar mostrará en Galicia Maker Faire como mellorar a nosa calidade de vida coa fórmula Maker

martes, 9 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Xa vai quedando menos para a cuarta edición da Galicia Maker Faire, a gran feira galega do coñecemento, das habilidades tecnolóxicas para compartir e da metodoloxía, apicada á innovación e ao desenvolvemento, de “se queres, podes facelo” (o que se coñece como movemento Maker). A cita, que se vai celebrar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura do 23 ao 25 de novembro, contará (segundo puidemos saber este mes) coa presenza do mozo andorrano David Aguilar, un referente mundial en materia de “autosuperación e creatividade”, xa que foi quen de construír un brazo protésico artellado con pezas Lego, grazas ao cal conseguiu recuperar a mobilidade da súa man.
David, quen naceu cunha malformación no brazo, iniciou o seu proxecto de extremidade artificial con apenas nove anos, a partir de pezas básicas de Lego mesturadas con elementos doutros xoguetes robóticos e unhas pinzas. Os traballos foi quen culminalos con 18 anos de idade, a partir dun brinquedo-helicóptero da súa marca favorita. “Cando movo o brazo a man ábrese e péchase, o que me permite coller obxectos lixeiros e tamén flexionalo”, explica. O brazo foi bautizado como o MK1, ao que máis tarde lle seguiría o MK2, quen ten a súa orixe nun avión Lego. O MK2 é un modelo máis avanzado que inclúe unha batería que lle permite automatizar movementos e a carga de obxectos máis pesados. Dende fai tan só unhas semanas, xa conta cunha versión nova do brazo, o MK3, feito a partir dunha grúa Lego de máis de 4.000 pezas.
David Aguilar foi nomeado embaixador do Grao de Bioenxeñería da Universidade Internacional de Cataluña (UIC) e foille outorgada recentemente en París a medalla de prata da Liga Universal do Ben Público polos seus servizos á humanidade.
Tamén compartirá coñecemento cos asistentes Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ou o venezolano José Luis Cordeiro, enxeñeiro no Massachusetts Institute of Technology (MIT) e profesor da Singularity University, coñecido mundialmente polas súas ideas transhumanistas nas que sostén, entre outras cousas, “que os avances na ciencia e na tecnoloxía serán quen de deter o envellecemento e mesmo a morte nunha media de 30 anos vista”.
A Galicia Maker Faire, en palabras dos organizadores “a maior feira de inventores do mundo”, ten o obxectivo de achegar un escaparate “para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas” e que aglutina creatividade en ámbitos como a gastronomía, a robótica, a mecánica, a ciencia, a arte urbana, a música, a electrónica ou a artesanía.
Segundo engaden o impulsores do cita, ilustrándonos acerca das repercusións e fitos acadados pola mesma, durante as edicións de 2015, 2016 e 2017 acudiron máis de 30.000 asistentes e ao redor de 500 argalleiros expuxeron os seus proxectos. As entidades organizadoras (Vermis Project, O Gato Cósmico, a Fundación Cidade da Cultura e o Concello de Santiago) coinciden ao afirmar que nesta cuarta entrega proseguirase a devandita proxección ascendente do acontecemento, presentándose como “a confirmación definitiva da feira máis importante da Península” na súa materia, tanto en número de argalleiros como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de cidades como Roma e París.
Durante o evento o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 12 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc).

PUBLICIDADE