Para empezar o día con enerxía o espazo de coworking na Avda. Novo Mesoiro da Coruña, WeKCo, celebrou un almorzo no que distintos emprendedores e profesionais do sector TIC acudiron para escoitar as palabras de David Bello, CEO de IPGLOBAL e WebPhone, que quería compartir a súa experiencia no emprendemento no día no que WeKCo celebra unha serie de actividades co gallo do seu primeiro aniversario.
Bello quixo dar conta dos distintos momentos que vive un proxecto empresarial para saír adiante, coas distintas dificultades que xorden no camiño e moitas das preocupacións dos emprendedores como a elaboración dun plan de negocio, a busca de financiamento, a dobre faciana da figura do investidor… e quixo insistir no feito de que estes primeiros pasos non son o obxectivo final, senón todo o contrario, pois tras superar todas as dificultades iniciais logo toca enfrontarse ao día a día dun proxecto que ten que ter conseguir ser sustentable.
Tamén quixo deixar claro que é preciso saber o que pretendemos co noso emprendemento, pois non é o mesmo desenvolver un proxecto de cara a manterse dentro a longo prazo que orientalo á súa venda. Do mesmo xeito considerou importante non centrarse na tecnoloxía (que dificilmente terá valor en si mesmo, atopándose a rendibilidade das empresas nas súas vendas e non nos produtos), ter en conta que a empresa precisa de perfís distintos nas súas diferentes etapas e incluso recoñeceu a dobre cara que hai que lucir cando buscamos investimento (tendo que casar a dureza duns primeiros meses con recursos moi limitados co optimismo que permita que xente allea ao proxecto poida confiar no mesmo). En definitiva, unha serie de reflexións e comentarios que de seguro agradecerán todos os que queiran atreverse a crear o seu propio proxecto empresarial, e que de seguro que poderán escoitar a David Bello en futuras ocasións, pois estamos ante un emprendedor que non dubida á hora de compartir o seu coñecemento co resto de profesionais do sector.
David Bello abre a xornada de celebración do primeiro aniversario de WeKCo
Compartir Este Artigo

