David Maeztu, avogado especialista en redes e dereito, abrirá os relatorios das Xornadas de Informática Xudicial

xoves, 17 de outubro do 2013 Redacción

Maeztu nunha imaxe recente achegada dende Eldiario.es

As Xornadas de Informática Xudicial que organiza o día 25 en Santiago o CPETIG van contar cun bo número de expertos nas consecuencias legais de ter envorcado unha boa parte da nosa vida nos espazos virtuais, con todo o que iso implica: estamos aí nas redes, como na vida real, e podemos cometer delitos ou sermos obxectos de delitos igual que na vida real. Un destes expertos, precisamente o encargo de abrir a xeira de relatorios na Cidade da Cultura, é o prestixioso avogado David Maeztu, quen falará ás 9.30 horas sobre O uso de troianos para a investigación de delitos no proxecto de novo Código Procesual Penal.
Lembrar que Maeztu, licenciado na Universidade da Rioxa, é un avogado especializado en dereito de Internet e propiedade intelectual e tecnoloxía, eidos que tratou fondamente durante a súa experiencia como responsábel do departamento de Propiedade Intelectual e Novas Tecnoloxías do Bufete de Avogados Ruiz de Palacios e Asociados de Logroño. Por outra banda, Maeztu é colaborador da organización Creative Commons España (unha entidade sen arela de lucro cuxo cometido é aumentar a calidade de contido cultural, docente e científico dispoñíbel nos comúns, o conxunto de obras que o público pode compartir e usar libre e legalmente) e membro da xunta directiva da Asociación de Usuarios de Linux de A Rioxa. Ten participado nunha chea de congresos arredor da programación aberta e o alcance da propiedade intelectual, e dende o blog de seu (Dereito e Normas) achega cada pouco reflexións sobre cuestións ligadas aos devanditos eidos e dun xeito accesíbel para os que non son expertos en novas tecnoloxías e dereito.
Nunha entrevista recente con Eldiario.es, Maeztu facía chegar detalles sobre o borrador do anteproxecto de Código Procesual Penal, polo que a policía podería usar troianos para investigar computadores e tablets. Ao seu xuízo, a dita reforma suporía a posibilidade de que cando se estean a investigar delitos de especial gravidade, póidase intervir o computador do investigado para, mediante un software específico, coñecer o contido deste. Isto implicaría o uso de troianos que rastrexen o equipo e envíen a información fóra, aos equipos dos investigadores, “unha medida complexa de implementar pero que podería pór en risco a intimidade persoal dos usuarios”. Tamén expón que, de levarse á práctica, debera ter carácter puntual para solicitar información concreta e non deixar o programa instalado indefinidamente. Ao seu xuízo, “tamén expón problemas coa tutela xudicial efectiva polos documentos aos que se pode ter acceso, que inclúan comunicacións con avogados, etc. ou problemas sobre se o programa pode instalar algo no computador do investigado que contamine a toma de probas, etc...”. Destas e doutras cuestións, botando luz sobre até punto se estarían a violar dereitos fundamentais coa devandita práctica, falará Maeztu na cita en Compostela do vindeiro venres 25.

PUBLICIDADE