Death Stranding 2: On The Beach chegará a PS5 o 26 de xuño

luns, 10 de marzo do 2025 Marcus Fernández

No marco do South By Southwest (SXSW) que se celebra até o día 15 tivo lugar unha sesión de presentación do xogo Death Stranding 2: On The Beach, que contou coa participación do seu creador, Hideo Kojima, acompañado polo actores Norman Reedus e Troy Baker e o músico Woodkid, aproveitando a ocasión para presentar un longo tráiler do xogo e anunciar que este agardardo título sairá á venda o 26 de xuño para PlayStation 5. Sony tamén anunciou que haberá unha edición para coleccionistas, que poderá reservarse a partir do 17 de marzo.
O novo tráiler amosa moitas escenas na praia, onde remata o primeiro Death Stranding. Aparecen estrañas criaturas xigantes negras con mans no lugar das cabezas e pode verse un bico entre Sam (Norman Reedus) e Fragile (Léa Seydoux) e unha conversa sobre como a morte non pode separalos. Confírmase tamén o retorno de Higgs (Troy Baker) como o vilán no xogo.
O pequeno bebé que acompaña constantemente a Sam na primeira entrega é Lou, quen agora unha neniña e ten que ser protexida por Fragile mentres soldados a atacan na praia. Así, Lou semella ser unha peza clave nun conflito máis grande.
Os escenarios son extremadamente surrealistas, con moitos toques creativos que deixan claro que estamos ante unha obra de Hideo Kojima, quen lembrou que o primeiro xogo, estreado o 8 de novembro de 2019, presentaba unha humanidade practicamente erradicada por unha pandemia, polo que o xogo trataba sobre a necesidade dos humanos de volver conectar, pero cando chegou a COVID-19, cun virus que se propagaba de persoa a persoa, o que levou a repensar a conexión humana, inspirando Death Stranding 2.

A edición para coleccionistas de Death Stranding 2 inclúe a descarga dixital do xogo completo, 48 horas de acceso anticipado ao xogo, unha caixa da edición de coleccionista, unha estatua de Magellan Man de 38 centímetros de alto, unha figura de Dollman de 7,62 centímetros de alto, tarxetas ilustradas, unha carta de Hideo Kojima e artigos do xogo.

Tráiler longo de Death Stranding 2: On The Beach