Debullamos as aspirantes aos Premios INNOVA-G desta edición

martes, 4 de outubro do 2011 Raquel Noya

A Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, convocou a finais do pasado mes de setembro a segunda edición dos seus Premios INNOVA-G, un evento que celebra anualmente para recoñecer o talento e a valía das nosas empresas tecnolóxicas e emprendedores con maior proxección, e que este ano medrou en candidaturas e calidade das mesmas.
Estes galardóns non só lle serven ás firmas que se presentan para dar a coñecer os seus produtos e servizos á sociedade, senón tamén, e sobre todo, para que se recoñeza a súa humilde contribución ao desenvolvemento da sociedade da información e a comunicación na nosa comunidade.
Ao mesmo tempo, trátase dunha gran oportunidade para descubrir empresas galegas cun potencial incrible, emprendedores tecnolóxicos cunhas calidades exemplares, servizos cunhas prestacións inmellorables ou aplicacións desenvolvidas por firmas do país que nos poden axudar en materias tan dispares como a educación, a saúde, o ocio ou a cultura...
Xa que logo, as categorías desta edición, un total de 7, abarcan ámbitos moi amplos e moi dispares, que van dende a Mellor start-up galega ata a Mellor campaña social media, pasando pola Mellor aplicación para dispositivos móbiles.
Máis polo miúdo, as categorías dos Premios INNOVA-G na súa edición de 2011 son as que seguen:
-Mellor start-up galega: trátase dunha categoría que premia á mellor empresa galega constituída a partir do 2009, con alta capacidade tecnolóxica e innovadora, na que se valorará, entre outras cousas, o grao de novidade co produto/servizo desenvolvido ou prestado, o crecemento exponencial, a visión global, as posibilidades de expansión internacional ou os valores sociais da firma.
A este galardón aspiran algunhas empresas en liña das que temos falado en Código Cero como a que axuda a atopar menús en liña, Menus.es; a de pesca deportiva, PéZcalo; o buscador de eventos, Goovent; o sistema de computación en liña, NubeOffice ou outras como o portal de busca de parellas, Twin Shoes; a firma de contidos dixitais Galebook; a especializada en publicidade, Averoh!; a especializada en patrimonio e cultura galega, Festa Labs; a de monitorización e escoita ás empresas, Corporation Map; a de facturación electrónica, Enxendra, e a de proxectos web, Trinquel.
As favoritas dos internautas son, nesta orde, Twin Shoes, Galebook e Averoh!.
-Mellor emprendedor/a galego/a TIC 2.0: é unha categoría á que optan aqueles emprendedores e emprendedoras que se rexistraron vía Twitter co hashtag #melloremprendedorticgalego, e que xa pasaron unha primeira criba. Destacan nesta sección a autora do proxecto Twin Shoes, Itziar Villar Bermejo, VGSC de Vinogallego.com e Luisa Candedo e Pablo López, do proxecto Eventos Inteligentes 2.0.
-Mellor campaña social media: nesta categoría concursan as empresas de marketing dixital que teñan desenvolvido unha ou varias campañas nas redes sociais ou botando man dos servizos 2.0., así como aquelas empresas que fagan uso desta tecnoloxía on line a cotío. Son un total de 19 as campañas que se presentan nesta sección, entre as que destaca con moita diferenza a Memoria anual 2010 Cruz Roja Española en Galicia, que duplica en número de votos á candidatura que lle segue en segundo posto nas votacións en liña: o proxecto Mil a Gritos Showroom, de Luz Verde Eventos y Comunicación.
-Mellor desenvolvemento 2.0: este premio vai dirixido ás empresas galegas responsables do desenvolvemento 2.0 (redes sociais, comercio electrónico, e-learning, e calquera outro proxecto tecnolóxico que implique a participación directa do usuario final) que sexa considerado o mellor feito en Galicia no 2010 ou 2011.
Destacan nesta categoría os proxectos Derechos Animales, do Grupo Promedia, e Festa Labs.
-Mellor aplicación para dispositivos móbiles: a categoría recoñece o labor da empresa galega responsable do mellor software ou mellor aplicación para dispositivos móbiles. Nesta sección, a aplicación APP Páxinas Galegas é a que esperta maior entusiasmo por parte da comunidade internauta, seguida da ferramenta GaliTempo, e o rueiro virtual, Orama.
-Mellor deseño para todos: este é un recoñecemento que se outorga á mellor empresa galega responsable de modelos usables e accesibles, sexa hardware ou software, desenvolvido no pasado ou este ano. Os cinco proxectos que se presentan a esta categoría son: Un mundo accesible, de InfoJC; Terra Cha, onde nace Galicia, de Sdweb; a web corporativa Pululart; ArtGalicia e a Rede social de Comercio Compostela de Santiago
-Mellor desenvolvemento centrado nos cidadáns: este é un premio que se lle concede á PEME galega responsable dun desenvolvemento tecnolóxico ou en Internet, grazas ao cal se mellore substancialmente a calidade de vida da cidadanía. Destacan nesta categoría a iniciativa Vinogallego.com; a sala de prensa virtual, Fútbol Coruña; a web Descubre Lugo.com e Un Mundo Accesible, entre outras.

PUBLICIDADE