Decepcionan as vendas do HomePod de Apple

xoves, 12 de abril do 2018 Marcus Fernández

O altofalante conectado de Apple, o HomePod, está a ser un produto bastante problemático, e aínda que se presentou ao público en xuño de 2017 coa vista posta no seu lanzamento antes do Nadal, non conseguiu chegar ao mercado até o pasado mes de febreiro, sendo toda unha incógnita cando poderá mercarse en mercados como o español, o que contrasta co feito de que Bloomberg asegura que as súas vendas non están tan boas como Apple estimaba.
Cómpre lembrar que o HomePod é un produto bastante caro (349 dólares), conta con moitas menos funcións que outros altofalantes conectados e moitas das súas prestacións anunciadas o pasado xuño aínda non están dispoñibles (polo que haberá que agardar a unha actualización do seu software para que o produto cumpra co prometido). Se sumamos á ecuación que Siri ten un funcionamento pouco consistente (para os altofalantes ten moitas menos funcionalidades que no smartphone) non sorprende que, tras unhas fortes vendas iniciais que conseguiu que o HomePod ocupase o 10% do mercado dos altofalantes conectados (no que Amazon ten o 73% e Google o 14%) caeu drasticamente até un 4%, comezando a notarse a situación nas tendas, onde estarían a demandar menos unidades para evitar a súa acumulación. Iso contrasta coas previsións de Amazon e Google, que cada vez venden máis unidades dos seus altofalantes conectados, cada vez máis consolidados no mercado anglosaxón.
Perder a campaña de Nadal foi claramente un problema, pero semella que o campo de distorsión da realidade de Apple non é dabondo para facer que un produto que vai a contracorrente (o punto forte do resto de altofalantes conectados son os asistentes de voz, que é o punto feble da compañía da mazá) poida trunfar, e non sería de sorprender que non amplíen a súa distribución internacional até que o teñan máis maduro (pois aínda non soporta configuracións estéreo cun segundo altofalante nin configuración multiroom).

PUBLICIDADE