Declaran ilegais en Alemaña os Amazon Dash Buttons

venres, 11 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Un dos produtos máis curiosos para potenciar o comercio electrónico, o Amazon Dash Button, que permite que os clientes Premium de Amazon poidan asociar un produto a un botón físico de xeito que cando se premen realízase un pedido de xeito automático, pensando principalmente na reposición de produtos do fogar, e que hai algo máis un par de anos temos dispoñible en España.
Aínda que este tipo de accesorio ten un uso moi limitado, e non se converteron na tendencia que moitos podería pensar, constitúen a base dun modelo que podería ter moita importancia no futuro, xa que a propia Amazon ten unha plataforma para facilitar esta tecnoloxía a terceiros, de xeito que no futuro poderiamos ver lavalouzas ou lavadoras que puidesen realizar de xeito automático os pedidos de deterxente, ou impresoras que encargasen novos cartuchos de tinta antes de que se esgoten os actuais.
Pero estas facilidades non se ven cos mesmos ollos en todo o mundo, e un xulgado xermano ditaminou que os botóns Dash de Amazon son ilegais, xa que non achegan a información suficiente dos produtos pedidos ou o seu prezo, polo que non respectarían a lexislación de consumo. O tribunal considera ilegal que Amazon estableza un procedemento de compra no que o comprador non poida saber o prezo do que está a mercar durante a operación, mentres que dende Amazon consideran que a decisión do tribunal supón un freo á innovación, e sosteñen que os usuarios que empregan os botóns Dash están a realizar unha decisión informada, e simplemente tiran proveito dunha experiencia que lles resulta práctica.

PUBLICIDADE