Declaran ilegal a orde de incautación de bens de Kim Dotcom

luns, 19 de marzo do 2012 Marcus Fernández

A causa contra Megaupload supera un novo capítulo que confirma que esta batalla legal está lonxe de rematar, e agora a xuíza Judith Potter do Alto Tribunal de Nova Celandia, determinou que a orde para incautar os bens do responsable do servizo denunciado, Kim Dotcom, era nula e sen valor legal.
A maxistrada descubriu que os oficiais de policía responsables da operación contra Dotcom que saíu en medios de comunicación de todo o mundo pola súa espectacularidade actuaron sen as ordes xudiciais necesarias, intentando arranxar a situación a posteriori, o que claramente atenta contra os dereitos do acusado.
Pese a esta lamentable actuación das autoridades, a devolución dos bens a Kim Dotcom aínda non está garantida, e este incidente non debería afectar ao resto da causa xudicial, que podería rematar coa extradición do acusado aos EE.UU., onde tería que facer fronte a cargos moi serios contra a súa persoa.
Por outra banda, o Goberno de España recoñeceu que aínda non recibiu resposta por parte das autoridades norteamericanas sobre a posible devolución aos seus propietarios dos arquivos de cidadáns e empresas españolas que quedaron secuestrados nos servidores de Megaupload, segundo comunicaron dende Izquierda Unida.