Defensa notifica ao Concello da Coruña a transmisión de titularidade da concesión da Fábrica de Armas

venres, 10 de outubro do 2025 S. P.

O Concello da Coruña recibiu formalmente do Ministerio de Defensa, este xoves 9 de outubro, a notificación da transmisión de titularidade da concesión administrativa da Fábrica de Armas, unha medida fundamental para avanzar no proxecto da Cidade das TIC.
A alcaldesa, Inés Rey, o delegado de Defensa en Galicia, o capitán de navío Jesús Ángel Paz Pena, e o tenente coronel de Artillería Miguel Ángel Corcoba Valle, da Subdelegación de Defensa na Coruña, rubricaron o acordo en María Pita, co obxectivo de que o Concello asuma a concesión demanial dos terreos, que ata agora ostentaba a Universidade da Coruña (UDC).
Rey lembrou que a transmisión da concesión demanial forma parte do marco de colaboración plurianual establecido entre o Concello e a UDC a mediados deste ano, con vistas ao desenvolvemento industrial e tecnolóxico da Cidade das TIC nas superficies existentes en Pedralonga.
Informou que ambas as institucións acordaron impulsar ante o Ministerio de Defensa a transmisión da concesión dos terreos ao Concello, paso previo a que o Executivo local ceda á UDC tres inmobles que, de cara á súa rehabilitación, tamén contarán co apoio económico do Goberno de Inés Rey, en diferentes anualidades.