Deixa de venderse a Xbox One orixinal

venres, 25 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A pasada fin de semana Microsoft abriu as reservas da Xbox One X Edición Project Scorpio, a consola de videoxogos máis potente do mercado, que superou sobradamente as previsións da compañía, que confiaba en que tivese unha boa acollida, pero non que se esgotase en varios países á velocidade ao que o fixo (algunhas tendas practicamente quedaron sen reservas nunha hora) e están a confirmalo anunciando que a Xbox One X é xa a consola Xbox que máis rápido se esgotou no seu proceso de reservas.
Cómpre detallar que estamos falando dunha edición especial limitada, que deixará claro que se trata dunha das primeiras unidades ao contar coas palabras Project Scorpio gravadas no mando e na consola, confiándose que nas vindeiras semanas saian máis unidades en venda anticipada, pero xa non da edición limitada, senón da edición estándar da consola (que nin estará gravada nin incluirá de balde un soporte para poder colocar a consola en vertical).
A celebración das boas vendas da Xbox One X coincide co que poderiamos ver como a xubilación da primeira iteración da presente xeración, pois medios como Kotaku en Reino Unido están a dar conta do feito de que Microsoft xa non vende a Xbox One orixinal (que deixou de fabricarse hai meses) de xeito que a consola normal pasou definitivamente o relevo á Xbox One S, revisión que reducía o seu tamaño e consumo á vez que gañaba prestacións (como poder reproducir películas en Blu-ray 4K).
Na páxina web oficial de Xbox en España tampouco é posible adquirir a Xbox One orixinal, de xeito que a única opción actual é a Xbox One S, polo que enténdese que a vella consola só estaría dispoñible nas tendas onde conserven unidades en stock. É de esperar que as poucas unidades da Xbox One orixinal dispoñibles actualmente en tendas baixen de prezo para saldarse, pois en boa parte dos casos están máis caras que as Xbox One S, o que explica claramente que non se conseguisen vender nos últimos meses.

PUBLICIDADE