Deixan ver a estética dos vindeiros Galaxy Note

luns, 6 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Está previsto que entre agosto e setembro Samsung presente os seus novos móbiles insignia da familia Note, que previsiblemente continuarían a liña marcada polos S20, o que confirmaría unhas imaxes filtradas a través da páxina web rusa de Samsung, onde puido verse o que sería o Samsung Galaxy Note 20 Ultra.
A imaxe filtrada correspondería a unha versión en cor cobre dun smartphone moi semellante en deseño a un Galaxy S20, ou sexa, cunha disposición das cámaras nunha única liña (en vez de en dúas como faría o S20 Ultra), pero cun tamaño de cámaras considerable, dando a impresión de que a familia Note continuará a apostar por cámaras notables, aínda que o feito de que non vexamos un cuarto sensor xigantesco daría a impresión de que deixarían de lado o sensor de 108 Mpíxeles (aínda que tamén sería posible que a imaxe correspondese a un Note 20+, e que o Note 20 Ultra si conte con tal sensor).
Que as imaxes amosen un dispositivo en cor cobre tamén é algo salientable, xa que os últimos S20 apostaban por unha gama de cores diferente (branco, negro, gris, azul e rosa).
En calquera caso, en poucas semanas sairemos de dúbidas, e coñeceremos os móbiles cos que Samsung quere conquistar e manter certo segmento profesional que sabe apreciar o valor de contar cun S-Pen, accesorio que podemos considerar de nicho, pero que demostra ano tras ano ter un valor innegable.

PUBLICIDADE