Dell incorpora ao seu catálogo un novo Tablet PC
martes, 9 de agosto do 2011
- A pantalla táctil do equipo funciona tanto cunha stylus coma cos dedos
Os Tablet PC son unha tipoloxía de
equipamentos informáticos que parecían extintos coa chegada dos tablets e dos ultraportátiles,
pero seguen entre nós, e como demostración achégannos o novo Dell Latitude XT3,
que funciona con procesadores Intel Core i3/i5/i7, ata 8 Gb de RAM, gráfica
Intel HD Graphics 3000 e unha pantalla multi-táctil de 13,3 polgadas cunha
resolución de 1.366 x 768 píxeles que pode xirar sobre si mesma e abaterse para
transformar o equipo de ordenador portátil a tablet (podendo usarse tanto cos
dedos como cunha stylus agochada no
seu chasis).
O equipo pode configurarse con baterías de entre 3 e 9 celas (segundo a
autonomía que precisemos), pode adquirirse con distintas opcións de
conectividade (incluíndo banda larga móbil por 3G ou WiMAX), funciona con
Windows 7, inclúe gravadora de DVD, Gigabit Ethernet, Bluetooth 3.0, 3 portos
USB 2.0, 1 porto USB/eSATA, FireWire, lector de tarxetas de memoria, saídas VGA
e HDMI, lector de pegadas dixitais... toda unha chea de prestacións encerradas
nun corpo de 323 x 221,7 x 30,9 milímetros que pesa 2,02 quilos (cunha batería
de 6 celas), polo que ten unha mobilidade aceptable para un dispositivo das súas
prestacións, aínda que teno difícil para competir cos tablets puros, que son
moito máis manexables. O seu prezo parte dos 1.789 dólares (1.259,46 euros).
- O Dell Latitude XT3 pode transformarse de portátil a tablet con só xirar a súa pantalla