Dell lanza un monitor táctil moi versátil

venres, 18 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Dell vén de pór á venda nos EE.UU. un monitor de 24 polgadas que pode lembrarnos ao Surface Studio de Microsoft, xa que a pantalla é táctil e a súa peaña facilita a súa colocación en distintas inclinacións e alturas chegando incluso a poder colocarse case totalmente abatido sobre o escritorio, facilitando o seu uso táctil (xa que non é preciso ter a man en alto para usar a pantalla).
O Dell 24 Touch USB-C Hub Monitor modelo P2424HT, como ben indica o seu nome, non só é unha pantalla IPS Full HD de 23,8 polgadas con capacidades táctiles, senón que tamén funciona a xeito de concentrador USB-C, contando cunha conectividade moi completa que fai máis accesible a conexión de dispositivos ao noso equipo. Concretamente ten un porto HDMI 1.4, un DisplayPort 1.2, un USB-C 3.2 Gen 2 capaz de achegar até 90 watts de corrente, 3 portos USB 3.2 tipo A (un deles capaz de cargar até a 10 watts), un porto USB-C 3.2 capaz de cargar até a 15 watts, saída de audio de liña e un porto de rede RJ45.
A pantalla táctil pode detectar até 10 puntos, soportando os xestos máis habituais deste tipo de pantallas (aos que estamos afeitos en tabletas e móbiles), e grazas ao software de Dell é posible tanto contar con funcións avanzadas para a organización dos contidos en pantalla como poder funcionar a xeito de KVM (ou sexa, que pode conectarse a 2 ordenadores á vez cun único teclado e rato, podendo conmutar rapidamente entre ambos equipos a través dun menú ou cunha combinación de teclas).
O Dell P2424HT está xa dispoñible nos EE.UU. a un prezo de 519,99 dólares, polo que é previsible que chegue a España a un prezo próximo aos 550 euros.

Vídeo promocional do novo monitor de Dell