Dell presenta o tablet máis delgado do mundo

xoves, 11 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Pode que non sexa un dispositivo que resulte coñecido para o público, pero a súa intención é que non sexa así, xa que o novo tablet Dell Venue 8 7000 quere estrearse presumindo de ser o tablet máis delgado do mundo grazas aos seus 6 milímetros de grosor, o que é todo un logro para un dispositivo con Android e procesador Atom do que presume a propia Intel, que o pon de exemplo do que poden conseguir os seus últimos procesadores durante o Intel Developer Forum (onde o propio Michael Dell amosou o dispositivo).
O Dell Venue 8 é un impresionante tablet con pantalla OLED de 8,4 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles que incorpora a tecnoloxía Intel RealSense Snapshot Depth Camera (que permite dotar de certa profundidade ás fotografías que toma grazas ao seu mapeado 3D) e conta coa opción de funcionar cun adaptador Dell Cast (que proxecta a pantalla do tablet nun televisor ou monitor para poder empregalo como se fose un ordenador de empregar tamén un teclado e un rato).
Este tablet funciona cun procesador de 4 núcleos a 2,3 GHz, ten 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD e para conseguir as fotografías profundas complementa a súa cámara principal de 8 Mpíxeles cun par de cámaras de 720p. Polo momento non se coñece o prezo nin a data de lanzamento deste curioso trebello.


O novo tablet de Dell visto en vídeo