Dell presenta unha tableta con Windows apta para condicións extremas

martes, 21 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Dell anunciou hoxe unha nova tableta reforzada, a Latitude 12 Rugged, que sería a primeira tableta deste fabricante pensada para funcionar realmente baixo condicións moi duras e fornecendo así o catálogo de produtos reforzados de Dell (orientados a un público que traballa en exteriores, zonas de guerra ou en condicións con temperaturas extremas).
A tableta Dell Latitude 12 Rugged conta cunha pantalla de 11,6 polgadas de alta definición (1.366 x 768 píxeles) que pode verse baixo a luz do sol e pode controlarse cos dedos incluso levando luvas; integra a quinta xeración de procesadores Intel Core M; a súa batería permite autonomías de até 12 horas; pode configurarse con capacidades de almacenamento de até 512 GB (SSD); incorpora tecnoloxías se seguridade e protección de datos (como Intel vPro e Intel TPM 1.2); para facilitar o seu uso en mobilidade está integrada nun marco que pode conectarse a unha base de escritorio, a unha base para o vehículo ou a un teclado, estando tamén dispoñible como opción unha funda-teclado de tamaño completo que presume de retroiluminación e proteción IP65 para auga e po.
Esta completa tableta resistente que funciona con Windows 8.1 sairá á venda nos EE.UU. este mesmo mes a un prezo de 3.649 dólares (3.335,47 euros) nunha configuración cun procesador Intel Core i3, 4 GB de RAM e 128 GB de SSD.

A nova tableta de Dell é apta para funcionar en contornos realmente duros


Vídeo de presentación da tableta reforzada de Dell

PUBLICIDADE