Demandan a Sony por dar a entender que varios dos seus móbiles eran somerxibles

mércores, 23 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O Sony Xperia Z é resistente á augaNos últimos anos Sony conseguiu facer destacar moitos dos seus smartphones pola súa resistencia á auga, pero mentres inicialmente as campañas de mercadotecnia era moi agresivas (dando a entender que os móbiles eran somerxibles, ou sexa, que podían empregarse, por exemplo, en piscinas para disparar fotografías e gravar vídeo baixo a auga), foron suavizando as imaxes para representar que simplemente os smartphones contaban con protección para evitar que se estragasen por mor da auga ante situacións fortuítas.
Pero a resistencia á auga de certos dispositivos causou estupor nos consumidores ao comprobar que, no caso de avaría por mor da auga, o servizo técnico non se facía cargo da reparación, o que motivou unha demanda colectiva nos EE.UU. que podería levar a Sony a ter que pagar aos afectados o 50% do prezo de venda orixinal dos terminais afectados.
O novo móbil de Sony non só resiste po e auga, senón que a súa cámara pode funcionar debaixo da augaOs smartphones incluídos na demanda serían os Xperia M2 Aqua, M4 Aqua e os da serie Z (dende o Xperia Z1 até o Xperia Z5, coas súas múltiples variantes), e os usuarios que no pasado topasen que Sony non se fixera cargo da reparación do seu teléfono conseguirían tamén unha extensión da garantía. O procedemento de unirse á demanda para solicitar a devolución do 50% do prezo de adquisición do smartphone estará aberto até o 30 de xaneiro de 2018.
Este tipo de acción xudicial carece de efecto fóra dos EE.UU., e parece difícil que agora se vaian tomar medidas a este lado do Atlántico, xa que a confusión entre somerxible e resistente á auga só podía producirse cos primeiros Xperia Z, e tras xurdir os primeiros problemas xa se coidaron de facer unha promoción máis rigorosa dos produtos.

PUBLICIDADE