Dende a Comisión Europea consideran que Facebook debe axustarse aos nosos regulamentos (e non ao revés)

martes, 18 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Está previsto que esta semana o comisario de industria da Unión Europea, Thierry Breton, anuncie propostas para regular aos xigantes tecnolóxicos estadounidenses (Facebook, Google e Amazon), ás compañías chinesas que reciben axudas gobernamentais e incluso ao uso da intelixencia artificial, temas sobre os que se está a actuar con demasiada calma, xurdindo os regulamentos de xeito reactivo, o que non é nada desexable. Confíase a que antes de rematar o ano estean en vigor normas que regulen ás plataformas en liña e as súas responsabilidades.
Ante este escenarios, Mark Zuckerberg decidiu visitar a Comisión Europea para expor os seus puntos de vista sobre os regulamentos que considera necesarios, ao que Breton tería respondido dicindo que «non somos nós os que temos que adaptarnos a esta empresa, é esta empresa a que ten que adaptarse a nós».
Dende Facebook teñen unha posición bastante ambigua, xa que mentres proclaman protexer aos usuarios e esixen que os gobernos creen regulamentos sobre protección de datos, rexeitan regulamentos que consideran intrusivos.
Thierry Breton criticou que dende Facebook estean a obviar a súa posición dominante no mercado das redes sociais e a súa pouca asunción de responsabilidades.
Na xuntanza con Zuckerberg tamén estivo presente Vĕra Jourová, vicepresidenta de Valores e Transparencia, quen incidiu no feito de que Facebook ten que facerse responsable do seu rol en problemas como os discursos de odio, a desinformación e a manipulación electoral. Mentres que dende a Comisión Europea queren que Facebook teña certa responsabilidade sobre o que acontece na súa plataforma, dende a compañía de Zuckerberg queren reducir ao mínimo as súas intervencións na moderación de contidos por considerar que non son responsables da propia natureza da Internet.

PUBLICIDADE