Denuncian malas prácticas por parte de Perplexity

xoves, 20 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Coa emerxencia da intelixencia artificial xenerativa cobrou grande relevancia Perplexity, por presentarse como unha especie de chatbot que facía tamén de motor de busca, de xeito que achega respostas ás consultas que realice o usuario, citando as fontes empregadas. Pero dende os medios de comunicación estadounidenses están en pé de guerra contra este servizo en liña, e dende Forbes acúsanos directamente de roubarlles o seu contido, mentres que unha análise realizada pola revista Wired e outra polo desenvolvedor Robb Knight suxiren que para funcionar Perplexity está a realizar unha práctica falta de toda ética: ignora un dos estándares comunmente aceptados na web, o protocolo de exclusión de robots, co que os responsables das páxinas web poden indicar os contidos que non queren que sexan rastrexados por sistemas automatizados (como buscadores).
Dende Wired realizaron distintas consultas ao sistema de Perplexity, atopando respostas que practicamente se correspondían a extractos dos seus artigos, mentres que nalgunhas ocasións eran simplemente resumos dos mesmos, elaborados dun xeito pouco preciso e coa mínima atribución. Chegaron a atopar un caso no que se lle atribuía a Wired a información sobre un axente de policía específico que cometera un crime en California (algo que o medio non publicara). Tamén salientan que, tras tentar bloquear o acceso do rastrexador de Perplexity, detectaron como as visitas pasaron a realizarse dende un enderezo IP segredo.
Son moitas as dúbidas que está a espertar Perplexity, especialmente porque non hai dúbida de que se lucra dunha actividade como é o resumo de artigos xornalísticos que non sempre acredita, polo que tanto a ética como a legalidade do sistema están en dúbida.