Denuncian o abuso das moedas virtuais dentro dos videoxogos

xoves, 12 de setembro do 2024 Redacción

A organización de defensa dos consumidores europeos BEUC e 22 organizacións asociadas de 17 países (entre as que figura a OCU) presentaron unha denuncia ante as autoridades da UE sobre as prácticas desleais de empresas líderes de videoxogos, detrás de títulos como Fortnite, EA Sports FC 24, Minecraft e Clash of Clans, a quen acusan de incumprir as leis de protección do consumidor da UE, polo que instan ás autoridades a garantir que as empresas respecten as normas e ofrezan aos consumidores contornos de xogo seguros.
A denuncia da BEUC ante a Comisión Europea e a Rede Europea de Autoridades de Protección ao Consumidor (CPC-Network) expón como a industria dos videoxogos maximiza o gasto dos consumidores empregando moedas premium dentro dos xogos. Concretamente, BEUC e os seus membros identificaron que:
– Os consumidores non poden ver o custo real dos artigos dixitais, o que leva a un exceso de gasto: a falta de transparencia no prezo das moedas premium e a necesidade de mercar moeda extra en paquetes empuxa os consumidores a gastar máis. As compras dentro dos xogos deberían mostrarse sempre en diñeiro real, ou polo menos debería indicarse a equivalencia coa moeda do mundo real.
– As afirmacións das empresas de que os xogadores prefiren moedas premium son falsas: moitos consumidores consideran este paso innecesario e enganoso, e prefiren mercar artigos directamente con diñeiro real.
– A miúdo néganselles os dereitos aos consumidores cando utilizan moedas premium, ligados a termos inxustos que favorecen os desenvolvedores de xogos.
– Os nenos son aínda máis vulnerables a estas tácticas manipuladoras. Os datos mostran que os nenos en Europa gastan de media 39 euros ao mes en compras dentro dos xogos. Aínda que son dos que máis xogan, teñen unha alfabetización financeira limitada e son facilmente influenciables polas moedas virtuais.
Dende a BEUC lembran que máis da metade dos consumidores europeos xogan regularmente a videoxogos, negocio que xera máis ingresos polas compras dentro dos xogos que as industrias do cine e a música combinadas. Tamén apuntan o feito de que nos últimos anos as empresas de videoxogos mudaron os seus modelos de negocio, dependendo cada vez máis de compras dentro dos propios xogos, destando que en 2023 os nenos gastaron unha media de 39 euros/mes en compras dentro de xogos (fronte aos 33 euros/mes de 2020).
Os problemas sinalados na denuncia da BEUC van máis alá dos videoxogos e aplícanse tamén ás redes sociais e outras plataformas, o que denota a necesidade dunha mellor aplicación do marco legal de protección ao consumidor e unha maior regulación nos vindeiros anos.