Denuncian que Fortnite roubou o baile de Carlton

martes, 18 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Fragmento dun vídeo no que comparan os bailes de Fortnite cos seus equivalentes no mundo real

Un dos detalles característicos de Fortnite é a posibilidade de que os personaxes do xogo poidan realizar bailes no seu modo Battle Royale como un xeito de celebrar vitorias ou simplemente expresarse dun xeito curioso, pero esta característica podería darlle máis dunha dor de cabeza a Epic Games, xa que están a recibir reclamacións por vulnerar a propiedade intelectual ao copiar estes bailes tirando proveito económica (xa que poden mercarse).
Hai uns meses o rapeiro 2 Milly xa denunciou que en Fortnite roubáranlle un dos seus bailes, e solicitou tanto unha compensación por danos, as costas xudiciais e a retirada do baile do xogo; pero agora o asunto está a obter moita máis visibilidade xa que o novo denunciante é Alfonso Ribeiro, que denuncia que en Fortnite están a vender o baile que realizaba como Carlton Banks na serie O Príncipe de Bel-Air.
O baile está dispoñible como Fresh, deixando clara a referencia á serie televisiva (The Fresh Prince of Bel-Air), e véndese a 800 paVos, ou sexa, que resulta bastante evidente que Epic Games está a realizar algo máis que un aceno ou unha broma, podendo entenderse que están a usurpar a propiedade intelectual de Ribeiro.
Epic debería ter solicitado permiso e compensado economicamente ao comercializar un baile alleo, pero non é a única compañía que fixo tal, pois Ribeiro tamén denunciou a 2K Games, por incluír o baile de Carlton tamén nos seus xogos da NBA.

Así podemos ver o baile de Carlton interpretado por varios personaxes de Fortnite

Nos xogos de baloncesto de 2K Games tamén podemos ver o baile de Carlton Banks

PUBLICIDADE