Denuncian que a Wii é menos potente que o iPhone

venres, 31 de xullo do 2009 Marcus Fernández

As novas aventuras da saga de Monkey Island serían as que provocaron a polémica sobre a potencia da Wii

A polémica está servida, pois nos foros de Telltale Games, ante queixas sobre o mal funcionamento da primeira entrega do xogo Tales of Monkey Island para a Wii a través de WiiWare, un dos programadores da compañía defendeu o traballo do seu equipo asegurando que «as voces e texturas son así porque estamos limitados a 40 Mb para títulos WiiWare. As versións para PC dos nosos xogos superan normalmente os 150 Mb, e na meirande parte dos xogos modernos estariamos a falar dun rango de entre 1 e 10 Gb ou máis. Falade a Nintendo sobre iso». E aínda que esta crítica é moi atinada (no seu día déranse comentarios semellantes con respecto aos títulos Arcade para Xbox 360 e Microsoft foi cambiando paulatinamente a súa política para adaptarse as necesidades dos programadores) engadiu que «os problemas de número de fotogramas por segundo poderían solucionarse nalgún momento, pero tede en conta que a Wii non é unha consola potente. Incluso un iPhone ten moita máis potencia que unha Wii».
Por suposto, estas declaracións molestaron a moitos, que consideran imposible que un móbil sexa máis potente que unha consola de videoxogos doméstica, pero o certo é que o iPhone 3GS está moi próximo en potencia de procesador a unha Wii, pero no que si gaña sen dúbida o móbil de Apple é en memoria RAM (256 Mb no iPhone 3GS e 128 Mb nos modelos anteriores) pois a consola de Nintendo ten a ridícula cantidade de 88 Mb. Tamén hai que considerar que a Wii ten que procesar gráficos a 480 liñas en progresivo ou 576 liñas en entrelazado, mentres que o iPhone o fai só a 360p (movendo a metade de píxeles en pantalla), polo que precisa de menos potencia para uns resultados bastante semellantes.
De todos os xeitos, as acusacións dende Telltale Games parecen esaxeradas, e os problemas de rendemento dos seus xogos poderían arranxarse a través da súa optimización. A comparación co iPhone pode facer quedar bastante mal a Nintendo, pero o que debería lembrarse das críticas é que a empresa nipona debería autorizar a realizacións de xogos de WiiWare que poidan ocupar máis de 40 Mb para que poidan gozar duns gráficos de máis calidade.

PUBLICIDADE