Denuncian que o HomePod deixa marcas en certas superficies de madeira

mércores, 14 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

JPEG - 121.3 KB
Fotografía de Jon Chase na que podemos ver as marcas que sobre a madeira pode causar o HomePod

O altofalante conectado de Apple, o HomePod, por fin está á venda nalgúns mercados como o estadounidense, o que levou a que nos últimos días puidésemos ver numerosas análises do dispositivo e as súas posibilidades, e aínda que a meirande parte das críticas coinciden en que é un bo produto no que a calidade de son se refire, tamén apuntan eivas importantes como o feito de que estea excesivamente orientado ao seu uso dende o iPhone e co servizo Apple Music (ou sexa, que non é compatible con, por exemplo, Spotify), as posibilidades de Siri co altofalante son moi limitadas, carece de soporte multi-usuario e aínda ten en desenvolvemento funcionalidades chave (como o uso de varios altofalantes na mesma instancia ou a posibilidade de instalar altofalantes en varias habitacións para conseguir unha mesma ambientación musical en todo o fogar), pero hai un fallo que desvelaron dende Wirecutter que resulta bastante sorprendente, e que vén de ser recoñecido por Apple nas páxinas de soporte do produto: o HomePod pode danar os mobles de madeira.
Ao parecer a base de silicona do HomePod en conxunción coa vibración do altofalante pode provocar marcas circulares nalgunhas superficies de madeira, polo que haberá que ter este factor en conta ao elixir o lugar de colocación do trebello, xa que ninguén quere estragar un moble clásico por culpa dun dispositivo cunha vida moi inferior. Hai usuarios que denuncian o problema tras menos de 20 minutos de uso do HomePod, o que dá a entender que estamos ante un fallo de deseño que deberían solucionar rapidamente, xa que non o padecen outros produtos semellantes que hai no mercado, e claramente está a estragar a reputación do trebello que incluso chegou con retraso ao mercado (polo que os consumidores son menos tolerantes á detección de erros no mesmo).

PUBLICIDADE